Galaxia publica «A malferida», a obra gañadora do Premio Illa Nova

La Voz VIGO

CULTURA

M.Moralejo

A novela de Irene Rega fala do acoso escolar

21 nov 2022 . Actualizado a las 19:14 h.

A Editorial Galaxia presentou, na librería de El Corte Inglés de Vigo, a novela A malferida, de Irene Rega, gañadora do Premio Illa Nova 2022. Acompañaron á autora Fuencisla Cid Rodríguez, directora de Comunicación e Marketing de El Corte Inglés de Galicia e  Asturias, e Francisco Castro, director xeral de Editorial Galaxia. 

A autora da obra gañadora destacou que este premio supón «unha lanzadeira para as creadoras mozas, unha forma de que as escritoras e escritores poidan acceder ao panorama literario» . Rega, que é unha gran lectora dende cativa e amante das historias, comezou a escribir as súas primeiras obras con 16 anos. Esta obra busca chamar a atención do público adulto cara unha realidade difícil, como é o acoso escolar, unha problemática de desafortunada actualidade, na que aínda queda moito por facer, segundo se dixo no acto de presentación. Na novela A malferida, a protagonista, Mariña, sente terror cada vez que vai ao colexio. O seu único desexo é pasar  desapercibida, ser invisible aos ollos dos acosadores.

Irene Rega Jul (Cervo, 1996) é mestra e está graduada en Educación Primaria. Medrou nun fogar cheo de libros e dende moi pequena inculcáronlle a paixón pola lectura. Comezou a escribir as súas historias aos dezaseis anos e, con elas, a gañar algúns premios. Ao tempo que participaba en distintas antoloxías, ata que en febreiro de 2018 publicou a novela Si me pierdo, tú me encuentras, e en xuño de 2019 a súa continuación, Si me pierdo, búscame. A malferida”é a súa primeira novela en galego, coa que gañou o Premio Illa Nova 2022.

No mesmo acto, Galaxia presentou as bases do Premio Illa Nova 2023, que xa se poden consultar na páxina web da editorial. Galaxia convoca a sétima edición do galardón coa colaboración e complicidade do Ámbito Cultural El Corte Inglés, co fin de estimular a creación de autores e autoras menores de 35 anos. A gañadora ou gañador recibirá un premio de 3.000 euros concedidos por El Corte Inglés, unha escultura simbólica conmemorativa do galardón, e a publicación da obra premiada. En palabras de Fuencisla Cid, dende El Corte Inglés «seguimos impulsando e achegando a cultura á sociedade, defendendo un sentimento de pertenza e compromiso con Galicia e a cultura galega». A directora de comunicación animou a todas as persoas a participar nesta nova convocatoria que busca «estimular o talento mozo».

Francisco Castro quixo agradecer a complicidade de El Corte Inglés para impulsar este premio e puxo en valor o talento que atesoura cada edición. O director de Galaxia celebrou a continuidade e éxito do premio, que este ano suma a súa sétima edición.