Galaxia recupera a Fernández del Riego «Con Pondal en Bergantiños»

Xosé Ameixeiras
X. Ameixeiras CARBALLO / LA VOZ

CULTURA

Ana García

Presentado en Ponteceso o primeiro libro dedicado ao autor das Letras Galegas 2023

16 nov 2022 . Actualizado a las 12:54 h.

A lareira máis literaria de Galicia converteuse onte nunha Cova Céltica para arrincar a carreira de publicacións das Letras Galegas dedicadas a Francisco Fernández del Riego. Á calor do lume da fundación dedicada ao bardo de Ponteceso foi presentado Con Pondal en Bergantiños, un libro que fai un percorrido pola vida e a obra do poeta do Rexurdimento que o intelectual galego xa publicara no 2001.

Anunciou Francisco Castro, director da editorial Galaxia, que están previstas 17 publicacións que recollerán a «inmensa produción» dun personaxe que veu «turrando polo país» dende moi novo e que desenvolveu durante a súa vida un gran labor de «estimulador» da cultura galega. Entre as grandes novidades previstas están os diarios da Guerra Civil, inéditos. Mentres que estaba no enfrontamento bélico, Del Riego seguía facendo comentarios literarios. A outra obra especial e descoñecida será a dos apuntamentos sobre a súa viaxe a París.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, destacou que Fernández del Riego sentiuse marabillado pola figura de Eduardo Pondal e «non é estraño» porque o bardo «garda a orixe mítica» de Galicia e dos seus símbolos. «Chamáballe a atención porque Pondal significaba moitas cousas», engadiu. É o primeiro libro que se publica dende a declaración de Fernández del Riego como autor recoñecido polas Letras Galegas, no 110 aniversario do seu nacemento e 60 anos despois de que a Real Academia Galega decidira crear este recoñecemento cada 17 de maio. Curiosamente, foi o propio homenaxeado o gran inventor desta celebración, sinalou García Gómez, quen dixo que o lume aceso na lareira do Couto é «un símbolo e unha marca».

A presentación de onte foi conducida pola poeta Diana Varela, que fixo unha viaxe polas características e calidades dos versos do poeta bergantiñán. O filólogo Xosé Manuel Varela Varela foi responsable da edición de Con Pondal en Bergantiños. Debullou os aspectos biográficos e bibliográficos do autor e foi facendo un percorrido do contido do libro, estruturado en 11 capítulos, que van dando cadra das ideas que tiña do bardo: a voz da paisaxe, perfil do home, a obra do poeta, bardismo e celtismo, topónimos e antropónimos, sentimento da terra, o herdo saudoso, entre lírica e épica, as mulleres e un amor e profeta do pasado.

Fernández del Riego consideraba que os lectores de hoxe «deben sentir abaneada a súa alma polo berro baril de Pondal», que se caracteriza por unha vitalidade «eruptiva» e a «intensidade de dor patriótica». Di Fernández del Riego que «o valente latexo pondaliano encárnase nos heroes célticos».

Varela Varela foi resumindo aspectos do poeta recollidos no libro e no que aparecen opinións como a de Lugrís: «Un home senlleiro, algo destemido, alto de estatura, varudo, rexo, garrido, equilibrado. O seu corpo era un esteo perfecto». Ou que gorentaba escoitar os cantares da fada Reiriz e reservaba, dixo, o seu xenio «para construír a patria». En fin, un volume para coñecer a Fernández del Riego e a Pondal, dúas figuras básicas en Galicia.