«O refuxiado», teatro para espir as eivas e contradicións do mundo occidental

D. Vázquez SADA / LA VOZ

CULTURA

Os actores Iria Lamas e Álex Carro, nun dos ensaios de «O refuxiado».
Os actores Iria Lamas e Álex Carro, nun dos ensaios de «O refuxiado».

A obra, de Andrés Mahía, estréase este domingo na Casa da Cultura de Sada

11 nov 2022 . Actualizado a las 16:08 h.

O refuxiado estréase este domingo na Casa da Cultura de Sada no que supón a segunda montaxe de Stracciatella Teatro, a compañía coruñesa impulsada por Iria Lamas hai dous anos. Resúmese coma «unha comedia sobre o triste que é todo», cunha trama que parte da ambición dun político corrupto que pretende limpar a súa imaxe acollendo un refuxiado no seo dunha familia, o que dá pé a abordar cuestións de actualidade como o animalismo radical, o terrorismo, a identidade de xénero ou o poder da manipulación dos discursos populistas.

Iria Lamas, Álex Carro e Andrés Mahía integran o elenco no que se lle concede protagonismo tamén á música en directo do trompetista Klaus Martínez, que interactúa cos demais intérpretes no escenario. O dramaturgo José Prieto volve con O refuxiado á dirección, despois de asinar como autor boa parte dos maiores éxitos do recente teatro galego, como Somos criminais, Fariña e Recortes.

«Escribín a obra só para poder seguir actuando», explica dun xeito clarificador Andrés Mahía, autor da obra e que xa se achegara ás táboas co primeiro traballo de Stracciatella Teatro, E poñerán esposas ás flores, un texto inédito en España do escritor Fernando Arrabal e que o sumiu na necesidade de volver aos escenarios. O refuxiado é tamén o seu debut como autor de teatro, un xénero que admite que o sorprendeu. Leva máis de dous decenios escribindo ficción televisiva coa produtora Zopilote, coa que asinou guións para Mareas vivas, Terras de Miranda, As leis de Celavella, Air Galicia ou Era visto. «A liberdade do texto espido, nacido dunha voz plantada alí, no escenario, foi un descubrimento fabuloso», admite Mahía, recoñecéndose fascinado pola versatilidade que permite este tipo de proposta.

O autor chegou á figura do refuxiado —«a poesía dos desesperados», como a define— como espello para alumear as miserias do mundo occidental e faino amosando a través dunha familia disfuncional os riscos e amarguras da exposición perpetua ou a falta de escrúpulos por medrar nunha sociedade cargada de eivas.

O refuxiado, cun discurso contundente e unha montaxe versátil, busca expoñer e facer reflexionar ao público deixando entrever claves dos tempos que toca vivir, falando de preto de cuestións como a ambición política, a traizón familiar, a incomunicación ou o discurso de xénero, utilizando dende monólogos a diálogos que case parecen ficcións televisivas. E faino con só tres figuras, un político ambicioso que ansía poder e que ve ameazado o seu futuro por unha investigación, pero que, aconsellado por un home de confianza, gran manipulador de emocións que tamén o traizoa, ao igual que a súa muller e a súa filla, proponlle redimir a súa imaxe acollendo unha persoa necesitada.

A obra tamén dá pé para revisar a figura dos refuxiados e a dobre moral das acollidas, que queda patente en función de cal sexa a súa orixe. Segundo Mahía, nos casos dos que chegan nas balsas serviu de acicate dos discursos da extrema dereita en Europa, mais noutros, como cos ucraínos, permitiu branquear as conciencias dos socialdemócratas.