Cincuentenario oteriano (I)

CULTURA

11 nov 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Na case oceánica produción literaria do polígrafo Ramón Otero Pedrayo (1888-1976) hai un libro que moi poucas persoas leron (máis de vinte?). «O libro en que máis traballei na miña vida», afirmaba don Ramón en 1967, tres anos despois de escrito e premiado. Trátase dunha monumental monografía sobre o Padre Feijoo (1676-1764), un volume de 1.200 folios no mecanoscrito orixinal que o autor presentou a un certame literario co gallo do bicentenario da morte do sabio benedictino ourensán.

Sabido é que o ilustre frade bieito naceu en Casdemiro, aldea moi próxima a Ourense, cidade que soubo homenaxear, nese 1964, a asombrosa personalidade de quen foi, no ermo cultural do seu tempo, un intelectual que preludiaba, en España, os mellores froitos da Ilustración. Tamén foi un escritor de notables virtudes literarias, un comunicador apaixonante e un polemista moi sólido e eficaz.

Don Ramón gañou o primeiro premio, de 150.000 pesetas, co libro El padre Feijoo. Su vida, doctrina e influencias, que tardaría máis de oito anos en publicarse, período no que o seu autor pasou un calvario editorial do que falaremos noutro Beatus. En efecto, a monumental monografía publicouse, co mesmo título, en decembro de 1972. Libro desta magnitude, o máis rico e completo sobre o padre Feijoo, debería ser conmemorado, neste cincuentenario, dun xeito especial, sobre todo en Ourense e en Trasalba. Escrito coa excelente prosa castelá do seu autor, respira devoción, a que Otero Pedrayo tiña polo sabio do século XVIII e do que era lector «desde neno» (carta a Filgueira Valverde, 3-10-1964).

Otero Pedrayo tiña unha débeda intelectual co padre Feijoo, razón pola cal non desaproveita a ocasión do certame ourensán; tamén recoñece, en carta a Filgueira, que non é alleo «ós cartos». Dito isto, cómpre que os lectores saiban que don Ramón Otero Pedrayo —o Patriarca das Letras, o señor de Trasalba, o ilustre catedrático, o escritor máis prolífico e polifacético da Galicia do século XX— confesaba, en 1953, non dispoñer de dezaoito mil pesetas para unha urxencia económica. Algúns aínda pensan que don Ramón fora un home rico, moi rico.