O Día da Ilustración 2023 homenaxeará a pintora galega María Antonia Dans

Redacción REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

La pintora María Antonia Dans, en su estudio de A Coruña.
La pintora María Antonia Dans, en su estudio de A Coruña.

Destacou por ser un referente no neoexpresionismo, polo protagonismo dos escenarios galegos nas súas obras e polo seu estilo ás veces cualificado de naif

10 nov 2022 . Actualizado a las 19:01 h.

O Día da Ilustración 2023 homenaxeará o vindeiro ano a coruñesa María Antonia Dans Boado (Oza dos Ríos, 1922-Madrid, 1988), que na súa extensa carreira profesional destacou por ser un referente no neoexpresionismo, polo protagonismo dos escenarios galegos nas súas obras e polo seu estilo ás veces cualificado de naif.

A decisión foi acordada nun encontro mantido entre o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, con representantes da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración e das escolas de Arte Superior e Deseño. Como indica o representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, a elección da pintora coruñesa supón «valorizar, promover e divulgar o gran legado que a artista deixou en Galicia e fóra dela, con pezas en numerosos paradores de turismo, edificios oficiais e públicos, así como representada no Museo de Arte Contemporánea de Madrid, en todos os de Galicia e nun bo número de provincias de España».

María Antonia Dans Boado naceu en Oza dos Ríos, pero axiña a súa familia se trasladou a Curtis. Tras casar, trasladouse a principios dos anos 50 a Madrid, onde viviu o resto da súa vida e asistiu ás clases do Círculo de Belas Artes e á Escola de San Fernando. Comezou a expor en 1950 na Coruña e en Madrid fíxoo por primeira vez en 1953. Desde entón a súa obra percorreu toda España e numerosos países estranxeiros, xa que a invitou o Goberno español a importantes mostras colectivas.

Tamén acudiu ao premio da Fundación March, obtivo bolsas de viaxe dos ministerios de Asuntos Exteriores e Educación Nacional, así como premios e medallas das deputacións e concellos de Córdoba, Badaxoz ou Alacante, entre outras. A pintura de María Antonia Dans é un neoexpresionismo de raíz

deliberadamente inxenua, emparentado cos modos de bordado popular. As súas paisaxes son elementais, con algo de mosaico. As faenas do campo e o mundo do mar son temas habituais.