Juan Tallón regresa coa edición galega de Rewind, «quero volver, esta é unha primeira manobra de viraxe»

CULTURA

tallon
EDUARDO PEREZ

O escritor ourensán anuncia que ten en mente un novo libro e que o escribirá en galego

11 nov 2022 . Actualizado a las 07:58 h.

Cando aínda se está a recuperar da resaca de Obra Maestra (Anagrama, 2022), o ourensán Juan Tallón (Vilardevós, 1975) enlaza nova xira de presentacións, esta máis breve, coa edición en galego de Rewind. «Quero volver, este é un xeito suave de facelo, sen presas», anuncia sobre «esta primeira manobra da viraxe á lingua galega».

Da man do selo pontevedrés Kalandraka, o autor, que se pasou ao castelán no 2013 tralo intento frustrado de atopar un editor que quixera publicar en galego El váter de Onetti, «non foi unha decisión buscada, senón motivada polos elementos en contra», quere «activar a expectativa», coa meta posta nos seus próximos libros.

«O que precisa a lectura en galego son lectores, e os lectores créanse con novos libros», defende. Por iso, aqueles que non se engancharan ás cinco historias que entrelaza na novela coral Rewind, publicada en castelán por Anagrama no 2020, teñen a oportunidade de facelo agora na que foi a primeira lingua literaria do ourensán, que asina a tradución.

«Prefiro falar de versión antes que de tradución. Hai algúns engadidos, pero a historia e os personaxes son os mesmos», matiza. A explosión dunha bomba nun piso de estudantes en Lyon é o punto de partida do libro que o asentou como autor no panorama literario español xunto con Salvaje Oeste. O seu último título, Obra maestra, supuxo a súa consolidación.

Acompañado pola poeta e editora Dores Tembrás e polo director de Kalandraka, Xosé Ballesteros, Tallón fixo a súa primeira escala na librería Berbiriana, na Coruña. A seguinte, antes de abandonar a súa «versión comercial», será no Culturgal.

O motivo é que xa ten material para unha nova historia. «Non só teño a idea, teño un caderno», adianta, sempre coa súa xenuína retranca. Desta próxima aventura só desvela que será «pura ficción», un xiro, «polo menos de 90 graos respecto a Obra maestra, algo que non se poida prever», subliña. E, sobre todo, escrita orixinalmente en galego. «Vou regresar ao galego e tamén á terceira persoa do singular». A idea é lanzar a novela nas dúas linguas de forma simultánea.