«Superheroínas», mulleres referentes para impulsar o galego na mocidade

Montse García Iglesias
Montse garcía SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Esther Estévez, Antía Castro, Laksmy Irigoyen, Andrea Pousa e Lucía Freitas, cinco das sete protagonistas da serie «Superheroínas».
Esther Estévez, Antía Castro, Laksmy Irigoyen, Andrea Pousa e Lucía Freitas, cinco das sete protagonistas da serie «Superheroínas». RAG

O proxecto da RAG e a USC conta con Lucía Freitas e Alba Cid, entre outras

03 nov 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

«Superheroínas». Ese é o lema da segunda serie do proxecto Novas voces para a lingua impulsado pola Real Academia Galega (RAG) e a Universidade de Santiago (USC) para dar visibilidade e promover o uso cotián do galego entre a mocidade dándolles visibilidade tamén a novos creadores. As protagonistas das pezas audiovisuais breves son a cociñeira Lucía Freitas, a poeta Alba Cid, a cantante Andrea Pousa, a creadora de videoxogos Laksmy Irigoyen, a xornalista Esther Estévez, a instagramer Paula Jorge Horta e a fotógrafa Antía Castro. «Se hai falta de referentes en galego, aínda máis a hai de mulleres», detallou José Manuel Diego, que dirixiu estas pezas no marco do seu traballo de fin de grao na Facultade de Ciencias da Comunicación, onde este mércores se presentou a nova iniciativa.

O director da proposta incidiu en que se trata duns vídeos «cunha mensaxe moi clara: o galego é unha lingua de xente nova, unha lingua de potencial» e ademais «é un proxecto de millennials, con millennials e para millennials». Xunto a José Manuel Diego, presentaron a campaña o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes; a decana de Ciencias da Comunicación, Ana Isabel Rodríguez Vázquez; o vicerreitor de profesorado da USC e académico correspondente, Ernesto González Seoane; así como cinco das protagonistas das pezas audiovisuais, que, non só nas gravacións, senón tamén nas súas intervencións, deixaron claro a súa aposta polo galego na súa creación e na súa vida diaria.

A cociñeira cunha estrela Michelin Lucía Freitas é a protagonista da primeira peza en estrearse da serie. «Sempre emprego o galego, hai xente que ten a mente moi curta e pensa que te limita dalgún xeito. Como galegos, a nosa lingua é a nosa identidade, forma parte de nós, e para min ten moita importancia que cando alguén se senta no meu restaurante sinta esa identidade galega, sinta ese traballo da muller, esa cultura galega», afirmou durante o acto. Tamén a cantante e actriz Andrea Pousa incidiu no potencial do galego, ela que estreou na lingua propia tres cancións en México. «Temos medo a mostrar algo único, a amosar a nosa lingua por temor a que non nos entendan, a que non nos saiban comprender; pero, realmente, iso non é así porque a xente está disposta a escoitar algo que non escoita normalmente. Se somos diferentes e únicos é pola nosa lingua», relatou. Nesa mesma clave tamén se pronunciou Esther Estévez, presentadora do programa televisivo Dígocho Eu, incidindo na sorpresa que levaron cando se mergullaron en TikTok e «gran parte da comunidade que temos detrás é de fóra, tanto de fóra de Galicia coma de España, e os comentarios que máis se repiten son: ‘me encanta’, ‘qué acento más bonito!’, ‘quiero aprender’... ». Tamén a fotógrafa Antía Castro mostrou o seu empeño claro por falar na súa lingua nai: «Se usase outro idioma, non sería eu porque perdería a miña identidade». Tamén nas posibilidades da lingua se centrou a creadora de videoxogos Laksmy Irigoyen, que lembraba como nunha presentación en Alemaña se interesaban sobre o uso do galego. «Dábanos alegría ver como dende fóra querían poder xogar unha historia que era galega na lingua orixinal poñendo os subtítulos no seu idioma».

Pola súa banda, o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, recordou que a iniciativa Novas voces para a lingua «naceu coa idea de darlle voz á xente nova que está saíndo das facultades e utilizando a lingua para poder comunicarse e, sobre todo, para defendela con orgullo e coa conciencia de que están diante dun patrimonio que é seu». A decana de Ciencias da Comunicación, Ana Isabel Rodríguez, incidiu igualmente en que o obxectivo do proxecto «é trasladar á xente que a lingua está viva». Xa con anterioridade o vicerreitor, Ernesto González, resaltara a importancia de achegar á mocidade o galego.

A terceira edición de Novas voces para a lingua xa está en marcha e, nesta entrega, estará centrada nos neofalantes.