«Superheroínas»: mulleres galegas de referencia a prol da lingua

Monste García SANTIAGO

CULTURA

Esther Estévez, Antía Castro, Laksmy Irigoyen, Andrea Pousa e Lucía Freitas, cinco das sete protagonistas da serie «Superheroínas».
Esther Estévez, Antía Castro, Laksmy Irigoyen, Andrea Pousa e Lucía Freitas, cinco das sete protagonistas da serie «Superheroínas». RAG

O proxecto da RAG e a USC para fomentar o uso do idioma propio entre a mocidade conta coa participación da cociñeira Lucía Freitas, a xornalista Esther Estévez, a poeta Alba Cid e a cantante Andrea Pousa, entre outras

02 nov 2022 . Actualizado a las 22:00 h.

«Superheroínas». Ese é o lema da segunda serie do proxecto Novas voces para a lingua impulsado pola Real Academia Galega (RAG) e a Universidade de Santiago (USC) para dar visibilidade e promover o uso cotián do galego entre a mocidade dándolles voz tamén a novos creadores. As protagonistas das pezas audiovisuais breves son a cociñeira Lucía Freitas, a poeta Alba Cid, a cantante Andrea Pousa, a creadora de videoxogos Laksmy Irigoyen, a xornalista Esther Estévez, a instagramer Paula Jorge Horta e a fotógrafa Antía Castro. «Se hai falta de referentes en galego, aínda máis de mulleres», detallou José Manuel Diego, que dirixiu estas pezas no marco do seu traballo de fin de grao na Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago, onde onte se presentou a nova iniciativa.

O director da proposta incidiu en que se trata duns vídeos «cunha mensaxe moi clara: o galego é unha lingua de xente nova, unha lingua de potencial» e ademais «é un proxecto de millenials, con millenials e para millenials». José Manuel Diego estivo acompañado no acto polo presidente da RAG, Víctor F. Freixanes; a decana de Ciencias da Comunicación, Ana Isabel Rodríguez Vázquez; o vicerreitor de Profesorado da USC e académico correspondente, Ernesto González Seoane; así como cinco das protagonistas das pezas audiovisuais, que non só nas gravacións, senón tamén nas súas intervencións deixaron claro a súa aposta polo galego na súa creación e na súa vida diaria.

A cociñeira cunha estrela Michelin Lucía Freitas é a protagonista da primeira peza en estrearse da serie. «Sempre emprego o galego, hai xente que ten a mente moi curta e pensa que te limita dalgún xeito. Como galegos, a nosa lingua é a nosa identidade, forma parte de nós, e para min ten moita importancia que cando alguén se senta no meu restaurante sinta esa identidade galega, sinta ese traballo da muller, esa cultura galega», afirmou durante o acto. Tamén a cantante e actriz Andrea Pousa incidiu no potencial do galego, ela que estreou na lingua propia tres cancións en México. «Temos medo a mostrar algo único, a amosar a nosa lingua por temor a que non nos entendan, a que non nos saiban comprender; pero, realmente, iso non é así porque a xente está disposta a escoitar algo que non escoita normalmente. Se somos diferentes e únicos é pola nosa lingua», relatou. Nesa mesma clave tamén se pronunciou Esther Estévez, presentadora do programa televisivo Dígocho Eu, incidindo na sorpresa que levaron cando se mergullaron en TikTok e «gran parte da comunidade que temos detrás é de fóra, tanto de fóra Galicia coma de España, e os comentarios que máis se repiten son: ‘me encanta', ‘qué acento más bonito!', ‘quiero aprender'... Cáesenos a venda». Tamén a fotógrafa Antía Castro mostrou a súa aposta clara por falar na súa lingua nai: «Se usase outro idioma, non sería eu porque perdería a miña identidade». Tamén nas posibilidades da lingua se centrou a creadora de videoxogos Laksmy Irigoyen lembrando como nunha presentación en Alemaña se interesaban sobre o uso do galego. «Dábanos alegría ver como dende fóra querían poder xogar unha historia que era galega na lingua orixinal poñendo os subtítulos no seu idioma», afirmou.

Santi Alvite

Pola súa banda, o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, lembrou que a iniciativa Novas voces para a lingua « naceu coa idea de darlle voz á xente nova que está saíndo das facultades e utilizando a lingua para poder comunicarse e, sobre todo, para defendela con orgullo e coa conciencia de que están diante dun patrimonio que é seu». A decana de Ciencias da Comunicación, Ana Isabel Rodríguez, incidiu en que o obxectivo da iniciativa «é trasladar que a lingua está viva». Xa con anterioridade o vicerreitor, Ernesto González, resaltara a importancia de achegar á mocidade o galego nun momento no o galego retroce na rúa. «Nos últimos 500 anos o galego non viviu un contexto institucional máis favorable, pero lamentablemente prodúcese un retroceso na presencia social». A terceira edición de Novas voces para a lingua xa está en marcha e estará centrada nos neofalantes.