A literatura galega, de visita en Alemaña

ALEJANDRA PLAZA FRANKFURT / E. LA VOZ

CULTURA

Xuan Bello, Julieta Valero, Valerie Miles e Xesús Fraga, na presentación en Frankfurt dun número especial da revista «Granta» con textos de autores que escriben en galego, español, catalán, asturiano...
Xuan Bello, Julieta Valero, Valerie Miles e Xesús Fraga, na presentación en Frankfurt dun número especial da revista «Granta» con textos de autores que escriben en galego, español, catalán, asturiano... A. Plaza

Escritores, libros e deseño editorial amosaron o seu potencial na feira de Frankfurt

31 oct 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Rematou hai apenas unha semana a Feira do Libro de Frankfurt 2022, que nesta edición tiña como país invitado de honra a España —concorreu baixo o lema Creatividad desbordante—, en cuxo pavillón houbo espazo para a literatura galega, chegada ata a cidade alemá da man, principalmente, da Xunta, a Asociación de Editores de Galicia, o Instituto Cervantes e o Ministerio de Cultura. Nun encontro de tan importantes dimensións, resulta difícil avaliar este esforzo, facer balance, pero entre quen se achegou polas instalacións as sensacións eran moi positivas.

A presenza galega en mesas redondas, relatorios, exposicións, charlas e presentacións contou coa participación, entre outras persoas e autores, con Yolanda Castaño, Luz Pichel, Manuel Rivas, Bibiana Candia, Nadia Calviño, Esther F. Carrodeguas, Manuel Vila Baleato e Xesús Fraga.

A sede do Instituto Cervantes na cidade anfitrioa foi un fervedoiro de propostas e actividades complementarias. Entre os que por alí pasaron está Lito Vila Baleato, fillo de emigrantes que naceu en Alemaña hai 44 anos e se criou no barrio compostelán de San Pedro. Profesor de secundaria hoxe e escritor recoñecido pola novela coa que debutou, Campus Morte (Galaxia, 2018), impartiu clases de español na cidade xermana de Paderborn, onde residiu coa súa familia case vinte anos. Participou na conversa Literatura para aprender-Aprender de la literatura, á que asistiron colegas de profesión e alumnos que eloxiaron a frescura do seu labor docente e a súa capacidade motivadora. «Hónrame que a Asociación de Profesores de Español de Alemaña pensara en min para esta charla sobre literatura e aprendizaxe en linguas estranxeiras. É que eu defendo o traballo con textos literarios desde o primeiro ano», subliña para confesar que lle fixo moita ilusión intercambiar pareceres con Luis García Montero, que se achegou polo auditorio, pero tamén compartir momentos con Dolores Redondo, Santiago Posteguillo, Bibiana Candia, Xesús Fraga ou Yolanda Castaño. «Volvo para Santiago coa mochila chea de experiencias enriquecedoras nunha feira que acolle o que foi ata hai ben pouco o meu país de adopción e a miña casa».

Ata Frankfurt chegaron tamén os representantes da Escola de Letras que impulsan a Deputación de Pontevedra e o selo Galaxia. A presidenta provincial, Carmela Silva, o director da editora, Francisco Castro, e a escritora e profesora Inma López Silva expuxeron a filosofía dun proxecto con tres anos de exitoso funcionamento. «O Goberno español foi moi sensible para dedicarlle espazo ás linguas cooficiais, pero no programa debería ter máis forza a presenza do galego, o catalán e o éuscaro», reivindicou Castro, que tamén botou de menos unha maior representación de escritores de menos de 45 anos.

Entre os editores, a queixa dirixíase á Xunta, na que, din, non se senten representados.

Susana Sánchez Arins, Berta Dávila e Xesús Fraga, unha mostra galega para «Granta»

Nunha mesa redonda que xuntou en Frankfurt ao escritor asturiano Xuan Bello, a poeta madrileña Julieta Valero e o xornalista e narrador betanceiro Xesús Fraga, con Valerie Miles, directora da edición española da prestixiosa publicación literaria Granta, presentouse un número especial da revista que incorpora textos en galego, español, catalán, asturiano, éuscaro, etcétera. Os autores galegos elixidos son Berta Dávila (coa peza A ferida imaxinaria), Susana Sánchez Arins (Salto geracional) e o propio Fraga (Frank Sigmundson, soñador en tulé), cuxos relatos aparecen nas súas versións en galego, español e inglés. O conto de Fraga traza unha biografía inventada dun dos poetas alófonos e apócrifos de Cunqueiro, Frank Sigmundson. O de Dávila é a historia dunha rapaza que vive o dó pola morte do pai e merca dous peixes laranxas na busca de compaña. O de Sánchez Arins tamén aborda as relacións entre pais e fillos, e indaga como estes encaixan certas herdanzas.

Valle-Inclán e La Voz

Galicia tamén estivo moi ben representada no pavillón de España en Frankfurt na exposición que recollía o máis relevante do deseño gráfico na edición literaria, que incluía as catorce portadas da colección que La Voz de Galicia dedicou á obra de Valle-Inclán, realizada por Manuela Mariño e que mereceu o premio Laus de Plata.