Beatriz Dourado gaña o Florencio Delgado de poesía

María Cobas Vázquez
m. cobas O BARCO / LA VOZ

CULTURA

Os escolares tiveron un protagonismo especial na gala de entrega celebrada no Barco de Valdeorras

23 oct 2022 . Actualizado a las 09:51 h.

Beatriz Dourado é a ganadora cuarto premio de poesía Florencio Delgado Gurriarán, nunha edición especial por coincidir no ano en que o poeta de Córgomo (Vilamartín de Valdeorras) foi o protagonista do Día das Letras. O seu poema Ancorar toda esta auga é un texto sobre a emigración que recorda aos que tiveron que fuxir de España por «roxos» pero tamén se fixa nos que chegan buscando un futuro mellor cruzando o Estreito, tratando de fuxir da miseria dalgúns países africanos.

Emocionada, Dourado agradeceu o premio e tras louvar a alta calidade dos textos finalistas, desexou unha «longa, longa vida ao premio Florencio Delgado Gurriarán». Ela foi quen levou os 3.000 euros en metálico do premio, ademais dun Florencio de metacrilato que recibiron tamén as outras dúas finalistas, Beatriz Carballal e Ana Barja. Tamén lles chegará a Fran Fernández Davila e Lois Pérez, que non puideron asistir ao acto.

A gala de entrega do premio, celebrada no teatro Lauro Olmo do Barco, comezou coa actuación dos alumnos do CEIP Julio Gurriarán, que interpretaron a súa versión musicada de Aí vén o maio, o proxecto co que gañaron o premio escolar Primavera das Letras da Real Academia Galega. Velaí o vídeo do momento:

 

O acto quixo ser unha homenaxe á comunidade educativa. De feito, a propia Dourado é mestra de infantil en Lugo, cidade na que vive esta barcelonesa filla de emigrantes galegos. Nun acto conducido por Anxo Baranga tiveron especial protagonismo os alumnos do colegio Xosé Manuel Folla Respino de Córgomo ademais dos do Julio Gurriarán. Tamén estiveron un grupo de alumnas do IES de Vila de Cruces, que presentaron o vídeo do poema Pandeiretada, que musicaron coa axuda de Xabier Díaz: