A RAG rescata nun libro as coplas de Buño recollidas hai máis de cen anos

redacción / LA VOZ

CULTURA

Presentación do Cancioneiro de Buño
Presentación do Cancioneiro de Buño Ángel Manso

Os versos publicáronse orixinalmente nun boletín da institución de 1911

19 oct 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai un século Dolores Cancela Pérez, unha labrega de 17 anos veciña de Buño, cantou ás persoas que facían recollidas do folclore galego unhas coplas. Dicían cousas como: «Non quero vivir en Buño, / non quero facer máis olas; / quero vivir en Barizo / que é terra das cebolas». Sen sabelo, aquela moza estaba asumindo o papel do que hoxe se coñece como unha informante. É dicir, aquela que coñece bailes e cantares que se transmiten de xeración en xeración de maneira oral. A Real Academia Galega (RAG) xa mostraba sensibilidade respecto á preservación deste patrimonio inmaterial e documentaba os achados no boletín da institución. Estas, en concreto, aparecían no Boletín da Real Academia Galega nº 58, publicado en 1911, no espazo denominado Cantares populares de Galicia.

Estas dúas coplas populares son as primeiras das 84 reunidas en varios números da publicación da RAG entre ese ano e 1913. E, tamén, as primeiras recollidas en Malpica e seguramente na Costa da Morte. Grazas a estas achegas, esquivouse o esquecemento ao que estaban destinadas. Hoxe poden seguir sendo cantadas, interpretadas por pandeireteiras e bailadas en foliadas. Para homenaxear ese traballo acaba de publicarse o libro Cancioneiro de Buño (Embora, 2022), de coidada factura e editado coa colaboración da RAG. Foi presentado onte na Coruña. Réndelle homenaxe a dous mundos creativos moi relevantes na identidade malpicá: a literatura popular e a olería.

«As esencias da nosa lingua»

A presentación tivo lugar na sede da rúa Tabernas coa participación de máis de medio cento de alumnas e alumnos dos colexios Joaquín Rodríguez Otero (Buño) e Milladoiro (Malpica). Víctor F. Freixanes, presidente da RAG e autor do prólogo deste libro, resaltou como se fixo visible o mundo das coplas populares: «Dalgún xeito, nelas residen as esencias da nosa tradición e da nosa lingua». O editor literario, Xosé Manuel Varela, falou na mesma liña: «Con este libro quíxose dignificar a literatura popular galega e, en concreto, a de Malpica».

A recollida do Cancioneiro de Buño e doutras coplas populares no Boletín da Real Academia Galega produciuse pouco despois do nacemento desta institución, inaugurada no ano 1906. O interese en composicións como estas obedecía a distintas razóns. «Son documentos non só da creatividade artística do pobo, senón das súas formas de vida, costumes, valores, crenzas e tradicións que se transmitiron de xeración en xeración», destaca Freixanes no prólogo do volume.

Na presentación falouse de Dolores Cancela, a informante dos versos citados e unha figura fundamental, xa que se trata da primeira recollida etnolingüística en Malpica de Bergantiños. Xosé Manuel Varela dá resposta a esta pregunta nas páxinas que preceden as coplas. Nelas apunta que Dolores Cancela Pérez, nada o 17 de xullo de 1984, pertenceu á familia dos Margaritos, cuxo alcume permanece vivo na actualidade. «Non deixa de ser meritorio que unha adolescente do momento conservase este importante e completo legado de poesía popular», valora Xosé Manuel Varela.