Mudanzas

Bieito Romero
Bieito Romero O SON DO AR

CULTURA

11 oct 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Éincrible o moito que cambiou todo en tan pouco tempo. Nos últimos 50 anos a transformación tecnolóxica e humana foi tan grande que dá ata vertixe ver o sucedido a semellante velocidade. Eu son da xeración que viu entrar as televisión nos fogares con todo o bo e o malo que esa chegada supuxo nas nosas vidas. Vin como eses aparellos, inicialmente armatostes aparatosos, foron perfeccionándose e trocándose día a día en sofisticadas máquinas cunha calidade pasmosa de gran influencia nas nosas vidas. Nunha daquelas televisións antigas foi onde vin atónito a chegada do home á lúa…. Tremendo suceso! Lembro tamén, coma se fose hoxe, a instalación do primeiro teléfono fixo na casa dos meus pais, e o incrible que nos parecía poder falar con familiares e amigos en conversas ata incluso internacionais, moitos estaban na emigración. Logo viñeron os supletorios e os sen fíos. Pouco tempo despois, a invasión dos móbiles de todo tipo, tamaño, calidade e cor. Dende logo a telefonía e sobre todo a telefonía pantallista fixo real a chamada globalización, tecida nunha enmarañada rede que nos conecta e desconecta, dependendo de como miremos ou entendamos o asunto. Por suposto fun testemuña tamén daqueles rústicos pero fermosos cantadores carros do país, tirados por bestas que tan boa axuda proporcionaban no noso rural e que hoxe parecen auténticas pezas de museo sendo substituídas progresivamente por tractores e outras máquinas que nin polas corredoiras collen. E son dos que digo «viva o progreso» pero non só para enterrar o pasado dun xeito irreversible, a veces o feito de progresar entendémolo dunha maneira un pouco errónea. Foron, e seguen sendo moitos os cambios e transformacións nestes últimos 50 anos, e son a tal velocidade que penso que non temos capacidade de estar en sincronía con semellante carreira. Aínda así, o que máis me preocupa é que teño a amarga sensación de que pese ao cambio tan brutal e importante, nós a humanidade, retrocedemos dunha maneira preocupante e todo o que nos puido aportar a tecnoloxía e os avances non supuxeron que o mundo se transformase nun lugar evolucionado e máis xusto. A sensación que teño hoxe sen ser catastrofista, non me gusta demasiado de cara ao futuro. Veremos!