Os Premios Martín Códax da Música honran a Fuxan os Ventos

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Fuxan os Ventos
Fuxan os Ventos CEDIDA

A gala celébrase esta noite no Pazo da Cultura de Pontevedra

05 oct 2022 . Actualizado a las 22:10 h.

Hoxe é o día da música galega. Celébranse os Premios Martín Códax da Música, galardóns que pretenden resaltar as mellores propostas que se fan actualmente en Galicia. A gala terá lugar no Pazo da Cultura de Pontevedra, comezará ás 21.00 horas, estará dirixida pola actriz, guionista, e dramaturga Carmen Conde, de Tarabela Creativa, e contará no escenario coa electrocharanga Mekanika Rolling Band, que se encarga da parte musical. O acto retransmitirase por streaming na web premiosmartincodaxdamusica.gal

Os premiados daranse a coñecer na gala, que incorpora dúas novas categorías: artista emerxente e artista do ano. O único galardón que xa se coñece recaerá no histórico grupo Fuxan os Ventos, que celebra o seu 50 aniversario na música: recibirá o Premio Martín Códax da Música Honorífico 2022. Desde Músicas ao Vivo, entidade organizadora dos premios, destacan que Fuxan os Ventos «non foi o único grupo galego cun alto compromiso social da época, pero si o que máis éxito acadou, chegando non só á intelectualidade galega vencellada á canción protesta e aos cantautores, senón tamén á Galicia de orixe rural». A formación, que detivo a súa primeira etapa nos oitenta, regresou aos escenarios en 2008 e non ficaron inactivos. Integran a banda Antón Castro, na zanfona, mandolina e voz; Xosé Vázquez, percusión tradicional e voz; Pedro Lucas, gaita, frautas e voz; Xoan L. Fuertes Saavedra, buzuki, guitarra, violín e voz; Carmen Vázquez, voz; Tereixa Novo, voz; Maruxa Fociños, voz; Alfonso Fernández, voz, e Moncho Díaz, voz, guitarra e frautas.

Nas categorías de pop e indie compiten De Vacas, Anxo Araujo e Néboa. En rock: Familia Caamagno, Moura e Bala. En canción de autor: Antía Muíño, Xóan Curiel e Sofía Espiñeira. En músicas urbanas: Rebeliom do Inframundo e O Rabeloe Ilmarto. En blues, funk e soul: Nastasia Zürcher, Udra e O Cadelo Lunático. En electrónica: Grande Amore, Garza e Hilario Rodeiro. E en metal: Arrhythmia, Grimae Teima.

No apartado de música clásica e contemporánea loitan polo premio Samudra Trío, Katerina Linke e Fernando Abreu. En jazz e músicas improvisadas: Xosé Miguélez 4tet, Orquestra Galega de Liberación e Valentín Caamaño. En músicas do mundo e mestizaxe: Catuxa Salom, Nebra e Sheila Patricia. En música tradicional: Airiños da Freba, Cántigas e Frores e Os da Porfía. En folk: Cuarteto Caramuxo, Oîma e Os d'Abaixo. En música infantil: Mamá Cabra, Pitusa Semifusa e Martiña Soñadora.

En canto a orquestras, grupos e música de verbena compiten La Oca Band, Bicoia e América de Vigo. En bandas de música popular: Banda Unión Musical de Meaño, Banda de Música Cultural de Salceda e A Banda de Lombás.

Outras categorías

Os Premios Martín Códax da Música tamén queren recoñecer outros chanzos da industria. Hai unha categoría de salas de concertos, que conta con A Arca da Noe, Sala Karma e Sala Rebullón como nomeados. Respecto ao ámbito dos festivais, encóntranse o Festival de Ortigueira, Canteira Fest e Canjazz. E nos espazos de comunicación: Ondas Indies, A Xente de Teo e Descúbreas.