Pontevedra exhibe pezas audiovisuais inéditas de Carlos Velo sobre o exilio

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

CULTURA

Juan Antonio Bardem, Luis Buñuel e Carlos Velo, en amigable conversa.
Juan Antonio Bardem, Luis Buñuel e Carlos Velo, en amigable conversa. Fundación Carlos Velo

O museo acolle dende este martes un simposio centrado na figura do cineasta ourensán

04 oct 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

No marco dun simposio que arrancará na tarde deste martes no Museo de Pontevedra proxectaranse, por primeira vez en Galicia, una serie de obras audiovisuais de carácter documental realizadas por Carlos Velo (Cartelle, Ourense, 1909-México D.F., 1988), recuperadas pola fundación que leva o seu nome e centradas no exilio en México. De feito, trátase de pezas do proxecto que o cineasta ourensán preparaba en 1983 baixo o título de Los republicanos españoles en el exilio.

Para a contextualización destes documentos, as xornadas contarán con Xosé Enrique Acuña, Miguel Anxo Fernández e Miguel Ángel Cuña Casasbellas, que afondarán nas particularidades da obra de Velo, así como na súa relación con León Felipe, Luis Buñuel e outros intelectuais exiliados.

Deste xeito, na xeira inaugural programáronse as conferencias O cineasta Carlos Velo, León Felipe e as voces do exilio, a cargo de Xosé Enrique Acuña, e León Felipe, poemas, cancións e impacto dun poeta exiliado, por Miguel Ángel Cuña Casasbellas. E como remate, unha sesión de curtas documentais de Velo sobre León Felipe e Luis Buñuel.

Xa na quenda do mércores, abrirase co relatorio Carlos Velo e a súa experimentación cinematográfica en México, de Miguel Anxo Fernández, mentres que, ao seu termo, Graciela Baquero Ruibal recitará textos de poetas do exilio republicano presentes nos documentais do realizador de Cartelle: León Felipe, Juan Rejano, Manuel Altolaguirre, Concha Méndez, Pedro Garfias, Luis Cernuda, Juan Larrea, Emilio Prados, José Moreno Villa e Juan José Domenchina. Este segundo día do simposio O cine de Carlos Velo, León Felipe e os poetas do exilio republicano en México concluirá coa proxección de seis curtas documentais do propio cineasta sobre a vida social e política do exilio español en México.

A iniciativa ten por obxecto achegarse á figura do cineasta galego e á súa relación cos republicanos que, ao igual que el, estiveron no exilio naquel país norteamericano. Así, e segundo engaden dende o Museo de Pontevedra, farase «un percorrido pola vida do cineasta galego, exiliado en México —onde marchou para non ser perseguido logo do golpe de Estado de 1936—, lugar no que residiu ata 1988, converténdose nunha figura clave do cinema mexicano. As xornadas profundarán no seu rol político dentro da comunidade exiliada e a súa relación coa plana maior dos intelectuais, artistas e escritores republicanos presentes no país azteca».

Pegada cinematográfica

Autor de películas como Galicia, Almadrabas, Romancero marroquí, Torero —en 1956, esta longametraxe documental alzouse gañadora dunha mención especial no Festival Internacional de Cine de Venecia— ou Pedro Páramo, Carlos Velo «tamén exerceu a docencia na capital mexicana e xogou un papel esencial na formación das novas xeracións de documentalistas e directores de cinema despois de crear o Centro de Capacitación Cinematográfica de México en 1975».

Pola súa banda, no eido político, estivo «comprometido co seu país e co galeguismo», de tal modo que «foi representante do Consello de Galiza no seu Estado de acollemento e, como activista da oposición antifranquista, foi un dos promotores e directores das revistas Vieiros e Terra e tempo, que se editaron en México entre os anos 1959 e 1968».

Organizado pola Fundación Carlos Velo coa colaboración do Museo de Pontevedra, a asistencia a todas as xornadas —conferencias, recital e proxeccións— é de balde.