Por que botar un polvo non é galego?

Tamara Montero
tamara montero SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Sandra Alonso

Nove especialistas encárganse de actualizar, case a diario, o dicionario da RAG e responden por que hai expresións de uso cotián que nunca chegan a formar parte del. Así é como se gardan as palabras

03 oct 2022 . Actualizado a las 20:31 h.

A cada minuto, cada día, en calquera lugar do mundo, irrompe unha nova realidade que debe ser nomeada. Se cadra aparece no cancelo que pecha unha chanza espallada en 140 caracteres, ou na derradeira conexión dun microchip ensamblado nunha universidade. Ou nun mercado chinés que semellaba afastado, pero que rematou sendo patria común dun planeta enteiro. Anaquiños dun xeito común e único de estar no mundo, recollidos, clasificados, revisados, ampliados, desbotados e ás veces recuperados, dunha enorme gabeta en continua transformación, testemuño de como agroman, medran, quedan espalladas, de como se esquecen e, ás veces, morren as palabras.

«A lingua cambia porque cambia a sociedade». Manuel González é o director do Dicionario da RAG, esa enorme gabeta na que continuamente se mergulla o Seminario de Lexicografía para engadir, ou quitar, ou modificar palabras. Nove especialistas en léxico, lingüistas e outras áreas do saber que se reúnen o terceiro mércores de cada mes para actualizar a ferramenta máis potente dun idioma: un compendio que ten preto de 60.000 entradas e que muda, como a sociedade, se cadra non todos os días, pero case.

Ás veces, por moito que se utilice, unha palabra ou unha expresión nunca chegan a ter sitio na gabeta da lingua galega. A escritora María Solar lanzaba hai unhas semanas ás redes a pregunta de se habería que actualizar o dicionario coa fala da xente porque nin follar nin botar un polvo son expresións normativas. A partir de aí, abriuse un debate sobre os distintos xiros sobre sexo: botar un foguete, un canivete, foder, pinar (que tampouco é normativo)... A cuestión é: por que as formas botar un polvo e follar non son galego?

«Pois tan sinxelo como que é unha palabra que vén de fóra, do castelán, que non existiu tradicionalmente en galego e o galego ten suficientes maneiras de expresar ese concepto con múltiples matices», aduce Manuel González, que lembra como el mesmo aprendeu iso de botar un polvo cando chegou a estudar a carreira a Santiago, porque é unha expresión que se estendeu na década dos 60. De feito, nos corpus, a primeira documentación que hai nun texto escrito do termo follar co sentido de ter sexo é de 1969. A acepción tradicional relaciónase con folla.

Así que habendo varias opcións xenuinamente galegas, «é unha palabra superflua, que se se acepta vai en detrimento doutra con tradición en Galicia. É como se aceptaramos abuelo por avó ou bueno», explica o director do Dicionario da RAG. «Sempre que non haxa unha opción xenuinamente galega, e se precise a incorporación dun préstamo... Esa é a filosofía fundamental para admitir unha palabra espuria, unha palabra diferente doutra lingua».

Ás veces, son palabras galegas as que sorprenden, como solleiro, ou fochanca. Ou beirarrúa. Conceptos nos que se usou sempre unha voz castelá: «A min aínda hoxe me dá certo reparo beirarrúa, paréceme que estou falando de maneira artificiosa. Pero para a miña filla é unha palabra normal. Ese é o proceso da educación dentro da propian lingua», argúe.

Nesa reunión presencial, que tivo lugar esta semana na Biblioteca de Galicia, é onde se discute un traballo que é continuo, diario e común. Porque pode haber propostas dos propios académicos. Ou de colectivos sociais e profesionais. Ou do Seminario de Terminoloxía, encargado do léxico de especialidade, que ás veces detecta termos que rematan por popularizarse (o rato, no caso da informática, por poñer un exemplo) e deben formar parte do dicionario. Ou aparecen palabras da análise dos corpus, compendios de textos de todos os tipos en continua revisión.

Se cadra, nesa reunión mensual hai que engadir novas palabras —como asintomático, inmatricular ou posverdade—, ou modificar unha acepción (gromo como aparición súbita dunha enfermidade, por exemplo). Se cadra, hai que decidir recuperar unha palabra antiga en desuso para dotala de novo significado (repunta) e ás veces hai que deixar saír algunha que xa non se utiliza porque a súa realidade xa non existe. A cuestión é: como se decide cando nace ou cando morre unha palabra?

«Todos os días están aparecendo moitos miles de conceptos, de realidades e de obxectos novos. E iso hai que denominalo. Non todas as linguas teñen a necesidade de nomear todas as realidades, pero en canto lles afecte, si». Pode que a propia sociedade galega faga agromar unha nova palabra, que se incorpora, e pode que esas palabras veñan doutros idiomas. Hoxe, explica González, boa parte das novas realidades veñen do mundo anglosaxón. E os conceptos, tamén. Que facer logo? «O máis prudente é que mentres non se atope unha palabra sobre a que acadar consenso, o termo en orixe se use en cursiva como préstamo». Logo hai que ver o que fan as linguas da contorna: se a palabra se adapta fonoloxicamente, o máis acaído adoita ser seguir esa corrente.

Ás veces, porén, o mellor é reciclar. «Hai casos en que por distintas razóns ou porque hai un contido semántico parecido, ou un instrumento semellante, é aconsellable coller unha palabra que xa temos e dotala dun novo significado». E outras, créase unha palabra dende cero, como aconteceu por exemplo co covid.

As palabras nacen, pero tamén cambian. Cada quince ou vinte días, o seminario abre un grupo de entre 50 e 100 termos —«imos polo co-», explica González— e os académicos poden facer propostas de revisión: preséntanse argumentos e documentación que lle acaia e hai unha votación virtual. Se hai menos de dous votos en contra, queda aprobado o cambio. Se hai máis, ten que volver discutirse na reunión presencial.

Outras veces, as palabras morren. Que ten que acontecer para que unha palabra saia do dicionario? «Que deixe de usarse». Parece sinxelo, pero non o é tanto. «Hai unhas palabras que desaparecen por diversas cuestións e outras que se van impoñendo pero que son creación do propio pobo galego, non é un préstamo que vén imposto, é resultado da creación expresiva da xente». Se cadra, hai unha colisión semántica, ou a palabra nomea un obxecto en desuso que si se utilizaba a inicios do século XX.

«Les unha novela de Castelao do ano trinta e pico e atopas un vocabulario que hoxe non se usa». Pero cando alguén descoñece unha palabra, acode ao dicionario. Entón? «É algo bastante debatido, porque os dicionarios son tamén para descodificar e moitas veces hai que interpretar textos que teñen moito tempo. Por iso sempre pesa esta tensión entre prescindir ou non dunha palabra aínda que se deixara de usar», explica González.