Os editores galegos presumen de «literatura de premio» na feira de Frankfurt 2022

G. N. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Xesús Fraga no video promocional
Xesús Fraga no video promocional .

28 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Os principais editores galegos presumen de «literatura de premio» na Feira Internacional do Libro de Frankfurt, que se celebra na cidade alemá entre os días 19 e 23 de outubro. Congregados na AGE (Asociación Galega de Editoras), farano a través dun vídeo promocional que formará parte do programa de SpainFrankfurt 2022, xa que España será cultura convidada nesta edición e a AGE participará cun espazo propio dentro das instalacións da Federación de Gremios de Editores de España (FGEE).

O audiovisual reúne os máis de vinte autores da literatura galega que acadaron o Premio Nacional —galardóns que concede anualmente o Ministerio de Cultura— nas últimas décadas e en todos os xéneros. Nesta creación, elaborada pola produtora Illa Bufarda como homenaxe ao libro, aparecen Xesús Fraga, Ledicia Costas, Xavier Senín, María Xesús Lama, Antonio García Teijeiro, Olga Novo, Alba Cid, Miguelanxo Prado e Manuel Lourenzo, entre outros.

Unha edición poderosa é o lema do vídeo que a AGE preparou para a feira de Frankfurt, a máis importante do mundo. En só 90 segundos aparecen dende as últimas persoas premiadas ata as máis veteranas. Xunto a eles, voces consagradas como Manuel Rivas, Suso de Toro, Alfredo Conde, Justo Beramendi, María Alonso Seisdedos... Así mesmo, lémbrase a tres premiados xa falecidos: Agustín Fernández Paz, Xabier P. Docampo e Manuel Álvarez Torneiro.