Antón Lopo reivindica a Arturo Baltar como «o primeiro ''performer'' da arte galega»

La Voz OURENSE / LA VOZ

CULTURA

A obra desvela que Arturo Baltar (A Habana, 1931-O Pereiro de Aguiar, 2018) naceu en Cuba.
A obra desvela que Arturo Baltar (A Habana, 1931-O Pereiro de Aguiar, 2018) naceu en Cuba. Miguel Villar

O escritor compartiu horas de conversa co artista e dedicou cinco anos de traballo e investigación a elaborar a biografía do escultor ourensán

23 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O escritor e xornalista Antón Lopo cadrou co escultor Arturo Baltar (A Habana, 1931-O Pereiro de Aguiar, 2018) sen querer e rematou enleado pola personalidade e magnetismo do ourensán. Lopo andaba mergullado no traballo de escribir a biografía do poeta e cineasta Anric Masso e contactou con Baltar para completar a información que tiña. O nexo común era a peza audiovisual Acariño galaico, un traballo do realizador granadino José Val del Omar no que o protagonista era o escultor ourensán e o seu traballo co barro e onde Masso formaba parte do equipo técnico.

Antón Lopo compartiu horas de conversa co artista e dedicou cinco anos de traballo e investigación a elaborar a biografía do escultor. O volume Arturo Baltar, que forma parte da colección Artistas Ourensáns da Deputación, foi presentado este xoves por Lopo e José Manuel Baltar, presidente da institución provincial.

O escritor desvela na obra moitas das claves dun creador que, segundo defende o biógrafo, fixo da súa propia vida unha obra de arte. Ninguén, agás o seu compañeiro Xosé Lois López Prado, acreditaba na idade dun home que mantiña ter máis de cincocentos anos e aseguraba ser orixinario dun pobo dos arredores de Ourense. Lopo deixa claro, negro sobre branco, que Baltar naceu na Habana en 1931.

Para o autor da biografía, accións como as do artista en Acariño galaico —onde se mergulla no barro—, o percorrido nunha calesa polo entroido ourensán na compaña de Risco ou a intervención no Valle de los Caídos en 1966 —entre outras— converteron a «Arturo Baltar no primeiro performer da arte galega» e un pioneiro neste movemento. O traballo sobre o artista permitiulle a Lopo reconstruír a sociedade ourensá de posguerra e a realidade dun Baltar pícaro e raposeiro que se movía nos máis baixos fondos da pobreza cando era novo. Para Lopo, o escultor foi un adiantado ao seu tempo que se reconstruíu e inventou durante toda a súa vida.

Na presentación do libro de Antón Lopo o presidente da Deputación anunciou que a entidade reconstruirá a única obra do escultor que estaba nun espazo público da cidade —en paradoiro descoñecido dende hai tempo—. Buciños, que foi quen fundiu a peza orixinal, será o encargado de facelo.