Profesionais do sector literario analizarán en Santiago cen anos de edición moderna en Galicia

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

M.MORALEJO

20 sep 2022 . Actualizado a las 19:46 h.

O 19.º Simposio sobre o libro e a lectura que promove a Asociación Galega de Editoras, en colaboración co Consello da Cultura Galega e a Xunta de Galicia, celebrarase co lema de 100 anos de edición moderna en Galicia. Desenvolverase en Santiago mañá. O encontro reúne a diferentes representantes das editoras galegas e destacadas figuras da investigación literaria e da docencia coa finalidade de percorrer un século de edición. O encontro profesional viaxará a través das distintas etapas da edición no país, desde os selos pioneiros Nós, Lar e Céltiga ata a mais moderna edición dixital que opera hoxe en día.

Fai un século editores como Xaime Quintanilla en Ferrol, e Ánxel Casal e Leandro Carré na A Coruña e Santiago, puxeron en marcha, por vez primeira, innovadores proxectos editoriais, claves para Galicia. Tiñan como obxectivo conquistar amplos públicos lectores, para o que se deseñaban capas atractivas, se poñían en marcha coleccións temáticas, e se elaboraban estratexias de mercado e publicidade. Foi o nacemento do libro galego moderno. Unha época que se truncaría na Guerra Civil.

Dúas conferencias, e senllas intervencións vertebran o programa que se desenvolverá nunha única xornada. Na sesión da mañá, ás 10.30 horas, a historiadora e docente, Encarna Otero, encargarase da conferencia de apertura. Titúlase O libro galego moderno: Ánxel Casal. Seguiranlle as intervencións presentadas por Ana Guerra (Obradoiro Edicións): Os precursores: século XIX, a cargo do filólogo, investigador e escritor, Xurxo Martínez (12.30 horas); o papel de Céltiga como precursora da edición moderna do país, por Miguel Toval, director de Embora Edicións; e X. M. Dasilva (revista Grial) e Charo Portela (Edicións do Castro) falarán da edición durante o Franquismo e no exilio, respectivamente.

Na sesión da tarde, moderada por Paz Castro (Kalandraka), abordarase A edición comercial nos anos 60: Xosé María Álvarez Blázquez e Castrelos, a cargo do docente e editor, Manuel Bragado (16.30 horas); Laura R. Herrera, directora de Hércules de Ediciones, analizará a etapa da Transición (17.00 horas), e o director da Editorial Galaxia, Francisco Castro, O papel do libro na revolución dixital.

 Os libros clandestinos

O sociolingüista e ensaísta, Xesús Alonso Montero, pechará o Simposio ás 18.30 horas coa conferencia de clausura: Un libro clandestino sobre o franquismo e a represión en Galicia: Galicia Hoy  (Ruedo Ibérico, París, Buenos Aires, 1966), deseñado e coordinado por Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane.