Sarabela adapta dous contos de Ferrín para crear «Arraianos»

La Voz OURENSE / LA VOZ

CULTURA

Alberte Paz

A compañía ourensá estrea este venres a súa nova montaxe do Teatro Principal

15 sep 2022 . Actualizado a las 11:08 h.

Sarabela Teatro estreará mañá, día 16, a súa nova montaxe. Un proxecto que toma como base dous dos relatos de Xosé Luís Méndez Ferrín que aparecen en Arraianos (1991), obra que foi recoñecida cos premios da Crítica Galega e da Crítica Española e co Losada Diéguez de Creación Literaria. Dos dez contos que se moven no mundo da raia seca entre a provincia de Ourense e o norte de Portugal —con Celanova, Arcos de Valdevez e Montealegre como referencias— o grupo de teatro ourensán escolleu Medias azuis e Lobosandaus para crear o seu novo espectáculo. 

A adaptación correu a cargo de Fernando Dacosta e Ánxeles Cuña —que tamén é a direcotra da montaxe— e Arraianos está protagonizada por Elena Seijo, Sabela Gago, Fernando Dacosta, Fina Calleja, Fran Lareu, Fernando González e Vadim Yukhnevich. 

Na presentación da obra —que se representará os días 16, 17 e 18 no Teatro Principal ás 21.00 e 20.00 horas (domingo)— a directora de Sarabela salientou a total disposición e colaboración do autor para levar o seu texto á escena. «Para nós é unha montaxe especial. Méndez Ferrín é unha referencia única na literatura galega. Un autor proposto varias veces para o Nobel e dunha calidade extraordinaria, unha persoa fabulosa, enorme e inconmensurábel», sinalou Ánxeles Cuña. A realidade da fronteira como espazo vital, a maxia, o erotismo, os impulsos da terra, o misterio e, sobre todo, a fantasía serán os elementos definidores do Arraianos de Sarabela. 

Os contos elexidos inciden en aspectos como a dobre moral, as antigas lendas de meigas, posuídos e males de ollo para crear unha «fermosa e perturbadora historia» —no caso de Medias azuis— e o terror psicolóxico nun entorno rural afastado onde chega un mestre novo a pór escola —Lobosandaus—.