A arxentina María Rosa Lojo será académica de honra da RAG

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

María Rosa Lojo
María Rosa Lojo ALEJANDRA LOPEZ

Ingresará o próximo mércores 28 de setembro co discurso titulado «Unha galega filla en Buenos Aires» 

13 sep 2022 . Actualizado a las 17:26 h.

A escritora María Rosa Lojo (Buenos Aires, 1954) ingresará na Real Academia Galega (RAG) como membro de honra o próximo mércores 28 de setembro. A autora, unha das figuras máis recoñecidas das letras arxentinas, pronunciará o discurso titulado «Unha galega filla en Buenos Aires» nunha sesión extraordinaria que se desenvolverá na sede da RAG de A Coruña.

A RAG nomeou a María Rosa Lojo membro de honra en 2019 pero o ingreso tivo que adiarse por mor da pandemia de coronavirus. Filla de pai galego e nai castelá, conta cunha traxectoria tanto como experta en literatura como autora dunha destacada obra creativa que a converteu nunha das escritoras arxentinas máis internacionais.

Trátase dunha voz moi vencellada a Galicia. A emigración e o exilio son constantes nos seus textos, á procura da restauración do legado galego no imaxinario arxentino. Con este obxectivo desenvolve tamén unha tarefa de divulgación constante entre a colectividade galega en Arxentina. Doutora en Letras pola Universidade de Buenos Aires, foi investigadora principal do Consello Nacional de Investigacións Científicas e Técnicas de Arxentina (Conicet) e na actualidade é directora académica do Centro de Edicións Estudos Críticos de Literatura Arxentina na Facultade de Filosofía da Universidade do Salvador, na capital porteña.