Un mausoleo digno para Murguía

H. J. Porto REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Tumba de Murguía no cemiterio de San Amaro na Coruña.
Tumba de Murguía no cemiterio de San Amaro na Coruña. Marcos Míguez

Xosé González, promotor da galeguización da tumba do pai do galeguismo cultural, crítico cos escritores: «Os poetas e narradores fracasaron na normalización da lingua galega e a construción da identidade»

14 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

«A parroquia dos mortos non fala o idioma dos vivos». A rotunda diagnose, a denuncia, é de Xosé González, vicepresidente da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia, colectivo que promove a erección dun mausoleo digno para Manuel Murguía sobre a «humildísima tumba» que custodia os seus restos no cemiterio de San Amaro na Coruña. A iniciativa, ademais de acabar co «desleixo total» no que se atopa a lápida, pretende a galeguización da súa inscrición. O abandono -di- é flagrante se se valora que a poucos metros relocen os mausoleos espléndidos, «de magnífica arquitectura», de ilustres veciños como Pondal, Manuel Lugrís Freire e Castro Chané.

A tumba é propiedade do Concello da Coruña, e Murguía, primeiro presidente da Real Academia Galega, foi arquiveiro da Deputación da Coruña, polo que, no marco do Día da Restauración da Memoria Lingüística, o colectivo diríxese a Concello, Deputación e Xunta -a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural vela polo recinto pola súa condición de BIC- para poñer en marcha a construción dun mausoleo acorde co papel de Murguía «como pai do galeguismo cultural, fundador do pensamento galeguista e persoa clave na configuración da identidade galega». En tal sentido, lembra, Rosalía de Castro, a súa muller, si que dispón dun mausoleo digno, no Panteón dos Galegos Ilustres, e «hai que recordar que foi el, o seu decidido empeño, un piar fundamental na creación do mito de Rosalía, que doutro modo non sería posible naquela sociedade machista de seu tempo». González cre que para satisfacer esta débeda histórica non se pode desbotar a ocasión do centenario do pasamento de Murguía, que se conmemorará o 1 de febreiro do 2023.

Chama a atención a ausencia de escritores na listaxe de firmas que acompaña o documento de petición remitido ás Administracións. «É absolutamente intencionado. Os poetas e narradores fracasaron no labor de normalización da lingua galega e da construción da identidade. A sociedade delegou en demasía neles esa tarefa e eles patrimonializárona. E o papel que xogaron é unha decepción. O seu resultado é moi efémero, é por iso que temos unha cultura minorizada e protagonizada por unha minoría minoritaria», reproba González. É tempo -argúe- de que o protagonismo o teñan outros, «de abrir o abano aos diversos sectores que conforman a sociedade para que retomen a defensa da lingua e da cultura galegas. De feito, moitos xa o están facendo, xuíces que ditan sentenzas en galego, empresas que etiquetan os seus produtos en galego, médicos que receitan e fan as súas diagnoses en galego... Só precisan un pouco de visibilidade para o seu esforzo. O galego non pode estar só na literatura», incide para ofrecer dous datos estarrecedores: por cada mil lápidas nos cemiterios do país, só unha aparece inscrita en galego, e dos 3.795 cemiterios que hai, só un está plenamente normalizado, o da parroquia de San Facundo de Ribas de Miño (Paradela), e só porque foi ergueito de novo. «Son espellos cóncavos da realidade, vese que cando unha caixa entra no camposanto e no nicho, a lápida ipso facto fala castelán. E isto debemos mudalo xa», conclúe.

O debuxante Siro López -un dos máis de cen asinantes do pedimento- enxalza a figura de Murguía, «o único escritor que sen ter obra importante en galego foi homenaxeado o Día das Letras Galegas pola Academia que el creou coa colaboración de Curros, evocado na Coruña no impoñente monumento de Asorey». Murguía, referenda, foi a encarnación do pequeno gran home. «Era moi pequeno, paticorto, e como vestía levita e chistera, na Coruña, chamábanlle frasquito de esencia. Pero era un xigante que aos 17 anos xa publicara unha novela. E logrou que a súa muller, Rosalía, fora recoñecida como a gran poeta do Romanticismo español. Como historiador, xornalista e ideólogo, Murguía é unha figura extraordinaria e A Coruña debe sentir o orgullo de que habitara na cidade e de acollelo despois de morto».