As Sophias: o Consello da Cultura pon o foco sobre o pensamento feito por mulleres

Tamara Montero
Tamara Montero SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

XOAN A. SOLER

A través das sentenzas de dúas pensadoras, Hannah Arendt e Simone de Beauvoir, o Festival de Filosofía abordará temas como o conflito e o mal e as identidades

13 sep 2022 . Actualizado a las 20:00 h.

Hai anos, a lista de pensadores que formaban parte dos currículos académicos era iso, de pensadores. As mulleres, o seu pensamento e o diálogo que estableceron coa súa época e cos problemas das súas sociedades, quedaban opacadas, como na arte non había case grandes artistas (e as mulleres eran só as musas) ou na política apenas se podían nomear unha presada de mulleres. 

Agora que por fin o pensamento elaborado por mulleres entra nas programacións didácticas, tamén o Consello da Cultura Galega decidiu centrar o seu Festival de Filosofía, nesta segunda edición, nas Sophias, é dicir, nas mulleres pensadoras. E faino, fundamentalmente a través de dúas frases de grandes filosófas, que serven para abrir debate sobre cuestións de plena actualidade.

No seu libro sobre Adolf Eichmann e o xuízo que Israel levou a cabo contra el, a pensadora Hannah Arendt asinou a expresión a banalidade do mal, que fala de como individuos poden levar a cabo actos de enorme crueldade dentro das regras do sistema. Xente normal cometendo atrocidades. 

A banalidade do mal é o fío condutor do primeiros dos debates, que se desenvolverá o 30 de setembro en Santiago e que, a través de María Xosé Agra, Jorge Álvarez Yagüez, Fina Birulés e Nuria Sánchez, catro dos maiores especialistas en Hannah Arendt que hai en España, abrirá a discusión a respecto dos totalitarismos, das guerras e de que se entende pola política, polo sufrimento ou pola dor.

«En definitiva, segue sendo banal o mal?», explicaba Carme Adán, directora do encontro, na presentación dunha cita que este ano, ademais de en Santiago, terá programación en Ourense, seguindo unha das liñas mestras do proxecto de Rosario Álvarez para o Consello: abrilo máis aló da súa sede en Compostela.

Simone de Beauvoir publicou na década dos 50 un ensaio, O segundo sexo, que é un dos máis importantes articuladores do pensamento feminista e que densenvolveu o concepto de xénero como sistema de opresión que impón unha serie de roles sociais e comportamentos en función do sexo e que quedou resumido nunha frase: Non se nace muller, chégase a selo: ningún destino biolóxico, físico ou económico define a figura que reviste no seo da sociedade a femia humana.

Esa frase de Simone de Beauvoir servirá para abrir o debate sobre as identidades: que son? como se constrúen? O papel do Consello da Cultura e do festival será o de crear marcos para confrontar ideas e debater, tamén sobre o que se coñece como identidade de xénero, de plena actualidade pola aprobación hai uns días do trámite de urxencia para trámite de urxencia para a Lei Trans, e que colectivos feministas critican, precisamente, por entender que furta o debate

Serán a propia Carme Adán, así como Lourdes Méndez, antropóloga especialista en xénero e que estuda a súa relación coa sexualidade, Beatriz Suárez Briones, especialista en teoría queer. e Concha Roldán, presidenta da Asociación Española de Ética e Filosofía Política, as que abrirán o debate sobre as identidades o 1 de outubro.

As mesas de debate veñen acompañadas dunha serie de pezas audiovisuais sobre o pensamento das filósofas, que son tamén unha ferramenta para achegar a filosofía á mocidade e sacudirse esa idea de que o Pensamento está reservado para unha elite intelectual e tamén que pensar é un acto que se fai en solitario e de xeito solemne. «Construímos pensamento en comunidade».

Tamén terá un espazo importante o café. Boa parte, ou alomenos unha importante, da filosofía do século XX abrollou nos cafés e nos faladoiros, onde se comentaban ideas, chegábase a puntos de encontro, ou, ás veces, pensábase, simplemente, por gusto. Os cafés filosóficos son un xeito de recuperar o tempo de calidade para pensar nunha sociedade marcada pola continua velocidade. 

Hai olladas femininas sobre o pensar? Hai olladas universais sobre o feminino?  Son algunhas das preguntas ás que se lle procurará resposta en Santiago dentro destes cafés filosóficos. 

Quico Cadaval e Celia Pereira, coordinadora da sección de Pensamento do Consello da Cultura, falarán en Ourense sobre «se pensar incomoda, se nos gusta pensar, ou se gusta que pensemos sempre na mesma liña».

A filosofía tamén dialogará coas artes. Samuel Merino e Silvia Penas reflexionarán a través da poesía escénica sobre a vida útil de porcelana. A relación entre o corpo e o pensamento abordarase no espectáculo de danza Metodoloxías carroñeras para corpos invertidos, definida por Gena Bahamonde e Andrea Quintana como unha conferencia-freak en formato desbordado. Ourense acollerá a obra Si esto es un hombre, a cargo de Carlos Álvarez-Ossorio. Nel, o autor propón poñerse na pel de Primo Levi, deportado a Auschwitz en 1944 cando contaba con só 24 anos.