Ao chegar á libraría, pregunta pola tradución ao galego

Carmen Novo LA VOZ / REDACCIÓN

CULTURA

María Pedreda

Durante os últimos anos unhas cantas editoras galegas decantáronse por publicar literatura estranxeira traducida á lingua

10 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando Rinoceronte naceu, no ano 2005, a tradución de obras literarias ao galego constituían un panorama moi distinto ao actual. Á marxe das grandes editoras, que incluían no seu catálogo obras estranxeiras na lingua, Rinoceronte foi a primeira en especializarse no eido. O primeiro libro que veu a luz baixo a súa firma foi O bosque dos raposos aforcados, de Arto Paasilinna, unha tradución directa desde o finlandés. «Por aquel entón había moito que facer. A vía natural de chegar á literatura internacional era a través das traducións ao castelán», indica Anxa Correa, parte da editora.

Porén, nos últimos anos e desde ás marxes dos círculos de produción masivos, xurdiron un feixe de editoras que velaban para que as historias narradas por xente de todo o mundo puideran ser lidas en galego. Algunhas, como Hugin e Munin -fundada no 2011- e Irmás Cartoné -en funcionamento desde o 2014-, focalizan o seu traballo no eido da tradución. Outras, pese a non basear o seu catálogo completo en pasar obras estranxeiras ao galego, dotan ás traducións dun lugar importante. Entre estas, Aira, que desde o 2017 formula o seu plan editorial de xeito que entre un 30 % e un 40 % dos títulos publicados ao ano sexan traducións.

«É importante que a xente poida escoller lecturas en galego, tanto na libraría como na biblioteca», indica Carlos Valdés. Xunto a Cecilia Recarey forma Irmás Cartoné. A súa é a historia de dúas persoas que, tras anos de servicio interno e externo para varias editoriais, decidiron formar a súa propia. O motivo, «que aínda quedaba moita literatura por traducir ao galego».

Segundo datos do INE, no 2019, último ano do que se ten rexistro, o 40 % de libros publicados na comunidade foron en lingua galega. Iso significa, aproximadamente, 400 exemplares. Sobre o total correspondente ás traducións, non hai cifras. Porén, botando unha ollada ás publicacións en territorio estatal, pódense sacar algunhas conclusións. Nese mesmo ano editábanse en España uns cincuenta mil títulos, dos que o 14 % foron traducidos. Porén, Valdés explica que o mercado en castelán é «unha avespa enorme», polo que as comparacións serían inexactas. Tamén as competicións, xa que, para o editor, tendo en conta este contexto, buscar unha equidade a nivel dos prezos é unha tarefa que requeriría moito esforzo.

César Lorenzo, director de Aira, incide sobre a mesma cuestión: «Así como en castelán ou en portugués podes atopar practicamente todo o que se publica, en galego non é así». Para a selección dos títulos atenden a cuestións de relevancia. O obxectivo, propiciar o «enriquecemento da biblioteca galega». Para Lorenzo, unha cultura non se pode basear unicamente en autores propios, e o acceso á literatura universal é unha posibilidade para mellorala: «Non é o mesmo ler a James Joyce en galego que en castelán. A aprendizaxe destes libros na lingua propia é moito mais rendible».

Seguindo esta meta, durante os últimos anos Aira publicou títulos como Frankestein (tradución directa do inglés de Samuel Solleiro) e O nome da rosa (tradución directa do italiano de Maite Jiménez Pérez) que, pese a ser libros popularmente asimilados —«deses que todo o mundo ten xa no seu andel»—, funcionaron moi ben no mercado.

«Moita xente aposta por elas para ter outro punto de vista. A tradución son escollas e multiplica as posibilidades de lectura dun libro», reflexiona Anxa Correa. Antes de traducirse ao galego, moitas das obras estranxeiras do catálogo de Rinoceronte xa figuraban en idiomas próximos como o castelán. Un dos exemplos mais recentes, O verán no que a miña nai tivo os ollos verdes (tradución directa do romanés por Andreea Birsanu), que foi un supervendas na súa versión orixinal, na súa tradución ao castelán e tamén funcionaou en galego.

 Atopar tradutor

Rinoceronte carga ás súas costas as primeiras traducións ao galego de idiomas como o árabe (O edificio Yacoubian, de Alaa Al Aswany, traducido por Fátima Tourari) ou o xaponés (A casa das belas adormentadas, de Yasunari Wawabata, traducido por Mona Imai). Fai escasos meses, do coreano (A Vexetariana, de Hang Kang, traducido por Alba Verea Pérez). Agora, lonxe do estancamento, preparan a primeira tradución do acadio co Código de Hammurabi.

Porén, a gran maioría das traducións fanse desde os idiomas que domina o cadro de persoal: o inglés, o francés e o italiano. Cando son traducións de idiomas mais «exóticos», externalízanse. O mesmo acontece en Hugin e Munin, onde estes tres idiomas enchen o 50 % do catálogo. O resto, unhas 60 obras, trouxéronse doutras linguas, como o ruso, o aramés ou o sueco.

«Ao publicar un libro en determinadas linguas que non son as canónicas, non tes demasiadas opcións», comenta César Lorenzo sobre a dificultade de atopar tradutor. Eles, ao igual que Hugin e Munin e Irmás Cartoné, traballan unicamente con tradutores externos. Carlos Valdés explica que, no proceso de búsquea, ábrense a diferentes formas de traballar. Atenden ás propostas que lles chegan dos profesionais e indagan pola súa conta. «Intentamos abrir o espectro de idiomas, pero non sempre é posible», engade. Sen ir mais lonxe, na Facultade de Tradución e Interpretación da Universidade de Vigo, a única na comunidade dedicada a esta rama, non se estudan todos os tipos de linguas posibles.

Porén, os editores coinciden en que tamén é unha responsabilidade corrixir ese rumbo ao que leva o mercado. «Hai autores que destacan desde sistemas literarios mais pequenos, e o catálogo do editor ten que estar atendo a iso», argumenta Lorenzo. Eles, desde Aira, publican obras escritas orixinalmente en euskera ou catalán, «linguas que aparentemente están moi próximas pero, na práctica, non gozan dunha gran traxectoria en galego». Tamén Hugin e Munin incorpora ao seu catálogo traducións doutras linguas minorizadas, como o aranés ou o bretón.

Para chegar ata elas, Alejandro Tobar apela á «sorte» de poder ler noutras linguas. Lonxe de atender á tradución en castelán como ponte de chegada, o catálogo de Hugin e Munin suma uns quince títulos que aínda non se atopan traducidos a no idioma. Como exemplo, unhas das súas últimas edicións, O derradeiro americano, de John Ames Mitchel, traducido directamente desde o inglés por Iago Nicolás Ballesteros. Como único apoio, unha edición anotada en esperanto.

Afrontar o proceso

Os editores falan dun espazo a cubrir, das eivas que aínda quedan na literatura galega. Para Alejandro Tobar, no fondo, este feito tamén significa máis liberdade á hora da escolla. Fala, por exemplo, da obra de Albert Camus, un clásico que ata o momento no que decidiron traducilo por primeira vez desde Hugin e Munin, non contaba con versión en galego. Para decidir a escolma de textos a editar, primeiro, fan unha lectura intensiva. «Descartas 19 de cada vinte e, ao final, un chega», explica.

Tras isto, contactan coa persoa que precisan. Carlos Valdés, de Irmás Cartoné, explica que o tempo varía en función da extensión e a dificultade do texto. Pon como exemplo O conto da criada, de Margaret Atwood, traducido directamente do inglés xunto a súa compañeira Cecilia Recarey. «Non é o mesmo que unha obra dun autor xaponés do ano 1800».

Asimesmo, Tobar explica que entre os mercados galego e castelán, para o que tamén traballa, hai diferenzas significativas. No mais grande, os prazos son mais axustados. «Nos adoitamos dar preto dun ano desde que ofrcemos un título. Imaxina que é unha novela dunhas 150 ou 200 páxinas. Para esa mesma obra, en castelán, danche mes ou mes e medio», alega o editor e traductor. 

Á hora de afrontar unha tradución, cada un ten o seu método. «Tería que ir preguntando tradutor por tradutor e non creo que haxa dúas historias igual» reflexiona o editor de Hugin e Munin, que tamén exerce labores de tradución. Para el, o fundamental é «botarlle horas», coñecer extremadamente ben a lingua de chegada e ter un bo corrector para un proceso de revisión pulido. No caso da súa editorial, os traballos pasan, primeiro, polos ollos do tradutor. Despois chega ao editor, que traballa co propio texto e envíao a un tercer corrector, esta vez externo. Por último, entrégase de novo ao traductor «por se quedou algún fleco».

En canto aos recursos empregados, Tobar explica que «temos todos os necesarios, pero en galego non están centralizados». César Lorenzo, como vantaxe, apela á capacidad dos tradutores de coñecer varios idiomas. Aasí, a través de diferentes versións duha mesma obra poden compoñer algo orixinal. Segundo Anxa Correa, ver como resolven otros autores noutras linguas maximiza a exixencia da tradución.