A nova película de Ángel de la Cruz, «O home e o can», estrearase no OUFF en outono

G. N. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Manquiña e o can, protagonistas do novo traballo de Ángel de la Cruz.
Manquiña e o can, protagonistas do novo traballo de Ángel de la Cruz.

Protagonizada por Manuel Manquiña, aborda temas como a soidade dos maiores e a crise demográfica que padece o medio rural

24 ago 2022 . Actualizado a las 21:51 h.

A próxima edición do Festival Internacional de Cine de Ourense (OUFF) celebrará o próximo outono a estrea da nova película de Ángel de la Cruz O home e o can, protagonizada por Manuel Manquiña, a quen acompañan no reparto actrices como Paula Chaves, Estíbaliz Veiga e Isabel Blanco. A cinta —que conta cunha banda sonora creada polo compositor ourensán Jaime Fernández— foi rodada integramente na provincia de Ourense en lugares como San Cristovo de Cea, San Cibrao das Viñas e a capital. A produción preséntase como «unha homenaxe ao neorrealismo cotiá das nosas vidas» —no só por iso gravouse en branco e negro— e aborda, coa forma dun drama, temas como a soidade dos maiores e a crise demográfica que padece o medio rural.

O músico Jaime Fernández, Baltar e as actrices Paula Chaves e Estíbaliz Veiga, no teatro Principal ourensán.
O músico Jaime Fernández, Baltar e as actrices Paula Chaves e Estíbaliz Veiga, no teatro Principal ourensán. Alberte Paz

O Teatro Principal ourensán acolleu onte a proxección dun avance da longametraxe —producida por Ézaro Films e Caladiño Films, e coproducida pola CRTVG, co patrocinio da Deputación de Ourense—, que se estrea no marco da sección oficial da 27.ª edición do certame OUFF, que comeza o 23 de setembro. Asistiu o propio De la Cruz, que enfronta os derradeiros retoques ao traballo e destacou o papel que Ourense xoga na película, pois «as propias localizacións son parte protagonista da historia». Neste aspecto profundou o presidente da deputación, Manuel Baltar, que enxalzou unha cinta que permite «seguir dando pasos importantes nesa aposta por converter a provincia nun gran plató para producións audiovisuais». A súa gravación coincidiu en Ourense coas películas en marcha La manzana de oro, 13 exorcismos e Honeymoon e tamén coa serie televisiva Motel Valkirias.