Lois Patiño e David Chipperfield enxalzan o lavadoiro como espazo de sororidade

Héctor J. Porto REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Vista do fermoso lavadoiro de Artes, en Ribeira, despois de rehabilitado polo arquitecto Carlos Seoane.
Vista do fermoso lavadoiro de Artes, en Ribeira, despois de rehabilitado polo arquitecto Carlos Seoane. Ana Amado

Ao redor da pía de Artes, e animados pola fotógrafa Ana Amado, autora do proxecto, cineasta e arquitecto traballan nunha curtametraxe que evocará este lugar principal de socialización da muller galega

19 ago 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Todo comezou cando Carlos Seoane lle encomendou á fotógrafa e arquitecta ferrolá Ana Amado unha reportaxe gráfica sobre o lavadoiro de Artes (Ribeira), unha vez rematada a rehabilitación deseñada polo arquitecto coruñés, un rigoroso traballo, por certo, finalista na Bienal Española de Arquitectura y Urbanismo. Xogando, na sesión fotográfica, co poder evocador dunha saba mollada, que aboiaba sobre a lámina de auga desta fabulosa pía de case 30 metros de longo, Ana Amado imaxinou as decenas (centos) de avoas, nais, fillas que se tiñan congregado en torno a esta ara, este templo do profano, espazo de sororidade, lugar por excelencia —noutro tempo— de socialización da muller galega. Falou desa recreación con Seoane, e os dous coincidiron en que había que facer algo para rescatar esta ágora de sensibilidade perdida nas follas murchas dun vello calendario. Si, quizais algo performativo, que tivese unha carga escenográfica, un desempeño efémero que debera ser rexistrado para que quedara constancia, para que outros ollos puideran desfrutalo. A memoria matriarcal tería peso nesa partitura, por suposto.

Amado esbozou unha proposta e achegoulla a Lois Patiño, por afinidade. Alén do seu recoñecidísimo talento visual, el tratara en filmes anteriores a dignificación da muller galega de xeracións pasadas que non tiveron acceso ás oportunidades das que hoxe se goza. Darlles voz —facer e fixar memoria histórica— é parte da visión feminista coa que opera tamén Amado, como pode verificarse no seu premiado libro Habitar el agua, no que abordaba o programa estatal de asentamentos do Instituto Nacional de Colonización desenvolvido durante o franquismo.

Patiño aceptou de seguida. E incorporouse ao equipo de traballo, como tamén o arquitecto británico David Chipperfield, non só pola súa crecente implicación coa comarca de Barbanza, senón tamén pola proximidade e colaboracións que mantén con Seoane. Foi así como se sumou en labores de supervisión e deseño de escenografía e arquitectura efémera e na preparación do guión. Chipperfield posúe desde hai moitos anos casa en Corrubedo, na que ademais pasou o peor da pandemia coa súa esposa, Evelyn Stern, cada vez máis integrados os dous no barrio.

A primeira reunión, en xaneiro deste ano, deu paso a outros encontros como o que mantiveron o pasado mércores 10 de agosto, no que participaron Rosa Santos e María Miranda, veciñas do lugar que lembraron as súas vivencias como usuarias do lavadoiro nos seus tempos mozos.

O cineasta Lois Patiño, a fotógrafa e arquitecta Ana Amado (impulsora do proxecto audiovisual) e o arquitecto David Chipperfield flanquean a Rosa Santos e a María Miranda, despois de lembrar ambas as súas vivencias como usuarias do lavadoiro de Artes nos seus tempos mozos.
O cineasta Lois Patiño, a fotógrafa e arquitecta Ana Amado (impulsora do proxecto audiovisual) e o arquitecto David Chipperfield flanquean a Rosa Santos e a María Miranda, despois de lembrar ambas as súas vivencias como usuarias do lavadoiro de Artes nos seus tempos mozos. Ana Amado

O equipo aínda traballa na recollida de testemuños. De feito, busca mulleres da zona que, nos seu labor doméstico, utilizaran o lavadoiro de Artes —tamén o da Penisqueira, sobre as rochas do litoral ribeirense de Aguiño, que podería formar parte da curta— e que queiran compartir os seus recordos. Poden poñerse en contacto para trasladar o seu interese a través do correo electrónico ana@anaamado.com.

Esas voces serán claves na construción do filme de Lois Patiño, cuxa cinematografía adoita evitar os camiños da narrativa clásica para priorizar a súa perspectiva poética, caracterizada esteticamente polo uso do branco e negro —ou mesmo a saturación de cores— e pola importancia das texturas na súa aposta por unha plasticidade pictórica.

Teito de cristal, patrimonio e valor antropolóxico

A curtametraxe de Lois Patiño acadará unha duración aproximada de quince minutos e exhibirase, nun inicio, en festivais de cine e museos. Avanza Ana Amado que «a escenografía a base de sabas e a iluminación terán moita relevancia na narración, aínda que todo está en pleno proceso». Amado conta coa axuda do artesán do granito Javier Oujo —que traballou na rehabilitación de Artes— e a profesora e arqueóloga Ana Filgueiras —boa coñecedora de mitoloxía, lendas, cantos tradicionais e xacementos— para enriquecer o relato que profundará no seu compromiso —forxado hai tempo— coa «visibilidade das mulleres maiores e a superación do teito de cristal». Por iso é perfecto, di, un espazo de sororidade como o lavadoiro, case de exclusividade feminina, onde as veciñas, de todas as idades, celebraban a reunión, a amizade cimentada na charla, a confidencia, a risa, as cancións... É así que a película —coa mirada de autor— non perseguirá só enxalzar un ben patrimonial ou un equipamento público, festexará a memoria do lugar, o doméstico, o social e tamén o valor antropolóxico. Amado anda aínda na procura de financiamento para realizar o proxecto Lavadoiro, que xa obtivo o apoio da Deputación da Coruña. O comezo da rodaxe está previsto para outubro.