Bea Gregores, ilustradora: «Ao debuxar a María Casares redescubrina como galega»

Ana González Núñez
Ana González A CORUÑA / LA VOZ

CULTURA

cedida

A debuxante presentou unha biografía «emocional» da actriz

14 ago 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

«Ao debuxar a María Casares redescubrina como unha personaxe moi introspectiva, sensible e sobre todo galega», afirmou Bea Gregores (Vigo, 1995), debuxante da biografía ilustrada María Casares. A impaciencia por vivir, que fixo xunto á escritora María Canosa (Cee, 1978), da man da editorial Bululú. A ilustradora presentou a obra onte na rúa da banda deseñada da 25 edición do salón internacional do cómic Viñetas desde o Atlántico, na Coruña. O acto foi unha charla co tradutor do libro ao castelán Xosé Duncan, na que abordaron a forma na que a artista afronta o traballo e a contextualización do cómic, que presenta escenas de diferentes épocas.

ANGEL MANSO

Bea Gregores descubriu a través do texto de María Canosa a dualidade da actriz coruñesa. «Temos a imaxe dela como unha muller parisina de moita fortaleza e moi arroladora. A través do texto decateime da súa dualidade, o seu profundo amor pola Coruña e Galicia», contou a artista.

A debuxante elabora as ilustracións dun xeito totalmente analóxico e artesanal. Non levan ningún retoque dixital. Ela debuxa e escanea as páxinas. «O tradicional permite o erro e o erro lévate a outros lares moi fermosos», dixo a ilustradora. De feito, Duncan comentou que tiveron que aumentar o tamaño do libro polas dimensións dos debuxos que son maioritariamente cun formato de dobre páxina.

O encargado da tradución na versión en castelán da obra resaltou o uso que fai a artista dos pequenos detalles. Chamoulle a atención unha escena na que María Casares e Albert Camus se cruzan polas rúas de París un tempo despois de romper a primeira fase da súa relación. Os dous aparecen envoltos en follas de papel que lle saen voando ao escritor para simbolizar a súa unión. «Bea usa elementos reais como se fose unha fotografía de tipo emocional», relata. «O que me encanta dela é esa capacidade de mesturar o que poden ser imaxes reais con ese detalles non reais que lle dan máis contundencia», engadiu.

Bea Gregores asegurou que «os obxectos teñen unha capacidade de metáfora que moitas veces non chega a expresar unha cara».

Unha historia visceral

Ademais, Xosé Duncan asegurou que esta é unha biografía «moi emocional», pois non se para tanto no traballo artístico de María Casares como na súa vida persoal e nos seus sentimentos. Considera que a escritora María Canosa, que se documentou principalmente coa autobiografía da actriz coruñesa, se volcou moito coa figura. Deste xeito, comparou o libro co de Emilia Pardo Bazán. Unha mente poderosa, que fixeron as dúas autoras para asegurar que o de Casares é «moito máis visceral e emocional».

Esta biografía enmárcase nas actividades que se están a facer este ano na cidade co motivo do centenario do nacemento da actriz María Casares (A Coruña, 1922- Alloue, Francia - 1996). Moitos din que esta celebración busca ofrecer á artista ese recoñecemento que non tivo na súa terra. O escritor galego Xosé Duncan concorda con esa reflexión pero pide entender por que Casares non foi aclamada na Coruña mentres vivía. Por unha banda, remítese á situación histórica que se estaba a vivir en España cando ela acadou o éxito no país veciño. «Nunha transición feita daquela maneira non podes recoñecer figuras que ti perseguiches. A ela botárona da súa casa. Non podía volver á Coruña porque non tiña casa», explica o novelista, quen considera que, por outra banda, aínda que España fose unha plena democracia, «quizáis ela mesma non sería capaz de esquecer o que se lle fixo».