Témolo diante dos nosos narices e, ás veces, non o cremos. Cando en febreiro La Voz publicou que Tanxugueiras ían tocar na praia de Riazor como cabeza de cartel do Noroeste xurdiu rapidamente o escepticismo. Tan denso como a néboa que apareceu onte na praia. Pero como van poñer a estas tías «que só teñen un tema»? Pero quen vai aguantar un concerto de cantareiras nun festival de rock? Ademais chegaban mensaxes do sector de que a cousa estaba totalmente verde, que o éxito do Benidorm Fest colléralles por sorpresa e non ían ser capaces de montar un show á altura. Fronte a todo iso existía unha corrente de simpatía popular cara a Aida, Olaia e Sabela que as facía camiñar firmes, dando sentido ao de «non hai fronteiras».
No seu paso polo Noroeste borraron todos eses interrogantes cunha actuación histórica. 80.000 persoas? Esa é a cifra oficial e xa sabemos todos como son estas cousas, especialmente cando os mandatos avistan as seguintes eleccións. Pero a verdade é que alí había unha inmensidade como non se lembraba en Riazor. Toda esa xente puido ver un concerto no que, lonxe desa suposta fraxilidade e a condición de «one hit wonder», mostráronse sólidas e seguras. Arroiaron. Tomando ese cantar popular e levándoo a unha nova dimensión —respectuosa e auténtica, máis aló de experimentos de temporada arrastrados pola moda— plantáronse como brillantes estrelas para un público que as adora. Houbo imaxes que quedarán gravadas para sempre na memoria sentimental da cidade. E iso é así porque se tomou a decisión de darlle ese lugar privilexiado ao de aquí. Ía dicir valente, pero mal andamos se ao sentido común témoslle que dar ese adxectivo. Mellor poñerlle o de económico. Si, a cousa foi moito —moitísimo— máis barata que un grupo guiri. E que témolo aquí, diante de nós. Xa vai sendo hora de despexar a néboa e crer niso.