Catro empresas novas auguran un cambio de paradigma no sector
13 ago 2022 . Actualizado a las 05:00 h.Contra o que poida parecer, o sector editorial acadou cifras de vendas superiores a outros anos no 2021, sobre todo cando se levantaron as restricións no último semestre. Segundo o informe da Federación do Gremio de Editores de España, o pasado ano foi récord en vendas de libros.
As editoriais españolas medraron un 5,6 % respecto ao 2020, o que significa a maior suba na facturación deste século. Segundo o presidente da Federación de Libreiros de Galicia, Ramón Domínguez, o ecosistema editorial galego é diverso e sólido. Malia isto, destaca que en España aumentou o hábito lector por mor da pandemia, pero mentres que a media estatal de lectores no tempo libre está no 65 %, a nosa comunidade está lixeiramente por debaixo, pois non chega ao 62 %. Coa salvedade das principais editoriais galegas, o sector considera que non hai suficiente produción en galego. Segundo o Informe de Comercio Interior del Libro 2021, a produción editorial aumentou só nun 1 % con respecto ao exercicio anterior no noso idioma. O 76 % dos títulos editáronse en castelán, un 13,7 % en catalán, un 2,3 % en vasco, un 2,2 % en galego e un 5,8 % noutras linguas.
Catro empresas novas, algunhas creadas despois ou durante a pandemia, prometen un cambio no paradigma editorial. Apostan por un modelo de negocio independente e en galego e todas elas son «nenas da crise», como acuñou nun poemario o escritor coruñés Lois Alcayde.
Malia a parálise que supuxeron o confinamento e as restricións pola pandemia de covid-19, xestáronse varias propostas editoriais que son optimistas: Medulia, Néspera Editora, Editorial Canela e Menino Morreu son algúns dos proxectos máis recentes do sector, todos independentes e con características propias. Non contaron coa visibilidade das reunións nin dos actos públicos, segundo o último estudo da Federación de Gremios de Editores de España, a produción editorial en galego aumentou o pasado ano nun 1 %. Este ano prevese unha maior suba, aínda que a principal preocupación é o consumidor: «O que non hai son suficientes lectores en galego», salientan.
Novos proxectos
Medulia é unha editorial de A Coruña que publica tanto en castelán como en galego, incluídas as formas lingüísticas non oficiais, e convoca o premio Pondal de poesía cada ano. Menino Morreu é o título da editorial que admite, como tamén fan Medulia e Laiovento, esta última xa unha editorial clásica, outras variedades máis aló do galego normativo. Exemplos de propostas editoriais como Aira e Caldeirón xurdiron algo antes e fan medrar un ecosistema do libro na nosa lingua cada vez máis rico e variado. Aira está especializada na tradución de obras cun formato «bonito, que namore da capa á derradeira liña», como eles mesmos din. Un dos seus maiores éxitos comerciais é a edición galega da novela de Umberto Eco O nome da rosa. Caldeirón é ademais unha asociación cultural e organiza cada ano o certame de Poesía Erótica Illas Sisargas.
«Hai autores que seguen a norma lingüística e autores que non»
Menino Morreu é o nome da editorial que admite, como tamén fan Medulia e Laiovento, outras variedades máis aló do galego normativo. O nome procede da novela homónima de Luís García Mañá ambientada no Couto Mixto nos anos 60. Imitando a idea do microestado independente ubicado en Ourense, a editora ten o propósito de escapar ao convencional. Menino Morreu naceu o pasado ano e Lenda urbana, Buraco negro ou Bébel son algunhas das súas coleccións: ensaio sobre a cultura de masas, narrativa de carácter urbano e sobre todo a súa especialización, a literatura deportiva.
Angelo Pinedo, director da editora, explica: «Foi un traballo solitario onde debín montar todo desde o nada: procurar deseñadora, aprender o oficio, procurar textos...». Confesa que o negocio vai mellor do esperado e destaca que o asunto de empregar formas lingüísticas distintas á oficial non adoita ter acollida. «O argumento das vantaxes que ten o galego para acceder ao mundo da lusofonía fica case sempre no discurso, mais poucas veces se leva á práctica». Á pregunta de por que empregan outras formas, di: «Trátase de reflexar o que existe na produción literaria galega: autores que seguen a norma oficial e autores que non».
«Antes había máis persoas e profesións arredor do libro»
A editorial Néspera saíu ao público hai pouco máis dun mes, en xuño, pero o proxecto comezouse a xestar antes da pandemia, cando percibiron que había un oco no mercado editorial que non estaba cuberto.
Vanessa Rodríguez e Samuel Baltar son os fundadores desta editorial de Ames, que se viron animados a poñer en marcha a empresa cando presenciaron o nacemento de varias editoras tamén.
No mes de xuño, cando oficialmente sae á luz Néspera, tamén se publica Avelaíñas eléctricas, da escritora Sica Romero. Esta novela é unha edición coidada, cun papel de gramaxe especial e que garda a proporción e o equilibrio no deseño e nas cores. Amais dun libro orixinal e único, tamén é unha peza que case daría para coleccionar: «No caso de Avelaíñas eléctricas houbo un traballo en equipo de contido e forma, entre o relato e o deseño: o xogo coas tipografías, cos peritextos…».
Preguntamos se é máis doado abrir unha editorial hoxe ca hai cinco anos. Contestan: «Antes podías traballar nunha editora e vivir dese traballo, máis ou menos, había máis profesións e persoas traballando arredor do libro. Actualmente coas tecnoloxías é máis sinxelo publicar, tamén máis económico, aínda que o papel segue subindo».