O Premio de Poesía AFundación bate máximo histórico de participación

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Medos Romero, gañadora do Premio de Poesía Afundación no 2021 co seu poemario «E o sol era ela»
Medos Romero, gañadora do Premio de Poesía Afundación no 2021 co seu poemario «E o sol era ela» JOSE PARDO

A vixésima edición dun dos premios literarios máis prestixiosos de Galicia pechou o pasado 31 de xullo batendo un récord histórico na participación

09 ago 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O Premio de Poesía Afundación é xa unha das citas de referencia na axenda cultural da nosa comunidade. Neste certame anual organizado pola Obra Social de Abanca, Afundación, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade e o Centro Pen de Galicia compiten polo premio ata 32 obras poéticas orixinais.

Co obxectivo de promover o emprego do galego na creación poética, a vixésima edición dun dos premios literarios máis prestixiosos de Galicia pechou o pasado 31 de xullo batendo un récord histórico na participación con escritos orixinais.

Haberá que esperar ata este outono para coñecer cal será o gañador único desta nova edición do premio que xa obtiveron figuras chaves dos versos galegos. Algunhas delas son Marilar Aleixandre, Medos Romero, Yolanda Castaño, Miguel Sande, María do Cebreiro, Oriana Méndez, Gonzalo Hermo, Elías Portela, Xavier Rodríguez ou Emma Pedreira.

Este ano participa unha vez máis a Consellería de Cultura, Educación e Universidade a través da Dirección Xeral de Políticas Culturais coa finalidade de estimular a creación literaria na nosa comunidade á vez que promover o emprego da lingua propia de Galicia.

Dende a consellería seguen a insistir en que a poesía é sen lugar a dúbidas un xénero indispensable na renovación estética e para a normalización da lingua galega, aínda que o verso sexa un xénero minoritario actualmente.

O galardón está dotado con 6.000 euros de premio e a publicación da obra poética. O xurado desta edición está composto por cinco persoeiros da literatura da nosa comunidade, entre eles Luís G. Tosar, titular do Centro Pen de Galicia, e Xabier Castro Martínez, director da mesma entidade.

A decisión final do xurado deste premio será comunicada aos medios de comunicación. Máis adiante, o texto gañador recibirá o premio único e será publicado, tal e como se indica nas bases do concurso, na colección Arte de trobar que editan o Centro Pen e máis Afundación.