Ramón Cabanillas e as Cantigas de Santa María, en xaponés

Montse García Iglesias
Montse García REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Cedida

Takekazu Asaka uniu ás publicacións un disco con versos do escritor

06 ago 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Novas obras clásicas da literatura galega viaxan ata Xapón no marco da ponte literaria aberta polo lingüista Takekazu Asaka (Toquio, 1952). Trátase de As Romaxes da Franqueira, de Ramón Cabanillas, e da Introdución ás Cantigas de Santa María, de Afonso X O Sabio, que chegan en edición bilingüe xaponés-galego. A elas hai que engadirlle a segunda edición de A rosa de cen follas. Brevario dun amor, tamén de Cabanillas, incorporando achegas sobre a publicada no 2019. Ademais, catro dos poemas do poeta de CambadosEra un piniño o novo, Aureana do Sil, O rei tiña unha filla e Corazón-volvoreta— e un de Rosalía de Castro —Mayo longo— poderán escoitarse nun cedé, interpretados pola soprano Miho Haga e a pianista Rika Nishikawa.

Para a tradución de As Romaxes da Franqueira, Takekazu Asaka, Takiño —o alcume co que se lle coñece en Galicia—, partiu da edición de 1927 e engadiulle un vocabulario galego-xaponés co léxico dos poemas de 300 entradas. Conta, ao igual que acontecera con A rosa de cen follas, cun limiar de Francisco Fernández Rei. 

Pola súa banda, a Introdución ás Cantigas de Santa María contén unha escolma de sete composicións representativas do cancioneiro mariano. Trátase da primeira monografía que recolle cantigas marianas e que as traslada ao xaponés, segundo destaca a Xunta. Este traballo conta cun limiar de Ramón Lorenzo no que contextualiza a obra.

Ramón Cabanillas é un dos autores favoritos de Asaka para trasladar á súa lingua nai, xa que considera que é un dos máis doados de comprender polos xaponeses. Pola súa banda, o lingüista tamén apostou neste momento pola lírica medieval pola vinculación co Camiño de Santiago. Estes novos traballos foron presentados onte no pazo de San Roque nun acto no que, xunto ao autor, participaron o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, o crítico literario Armando Requeixo e os prologuistas das novas obras, Francisco Fernández Rei e Ramón Lorenzo.

O secretario de Política Lingüística destacou o traballo de Takekazu Asaka, xa que «é a oportunidade de que os nosos clásicos literarios estean á disposición e os poida entender unha cultura tan potente como a xaponesa». Segundo subliñou: «Son millóns de persoas que van poder ler e escoitar a nosa literatura e entendela. A proxección exterior dunha lingua é das partes máis importantes para normalizala, tanto que nesa lingua haxa clásicos universais como traducións do galego a outras». Con anterioridade, Takekazu Asaka xa traducira a Rosalía de Castro, Martín Códax e a Novoneyra, ademais de escribir varios volumes para facilitar a aprendizaxe do galego aos xaponeses.