Logo de que Marilar Aleixandre publicara As malas mulleres, os lectores expresáronlle o seu descoñecemento sobre a activista, pero tamén o seu interese por descubrir o que fixo en vida. As palabras de Aleixandre énchense de decepción ao falar sobre isto: «Se fose inglesa, teriámola ata na sopa, habería novelas súas, obras de teatro e incluso películas».
O que pretenden ambas escritoras é achegar aos lectores unha figura moi importante e que tivo unha vida extraordinaria e aventureira. Realizou un gran número de achegas á cidade da Coruña e, malia todo iso, é bastante descoñecida. Juana de Vega tivo un compromiso coa defensa da liberdade, e axudaba aos seus pais e ás persoas que o necesitaban: era a activista da época. Hoxe diriamos, tal e como apunta Aleixandre, que o seu foi un traballo social. Un traballo de implicación coa cidade da Coruña en distintos aspectos, un compromiso que mantivo durante toda a súa vida. Na primeira asociación que fundou podían participar todas as mulleres que quixesen dedicar os seus esforzos á humanidade doente. O seu perfil foi moi diferente ao das mulleres dese momento: «Foi unha persoa moi adiantada ao seu tempo», subliña a escritora de maneira orgullosa.