Francisco Castro gaña o premio de literatura infantil e xuvenil Pura e Dora Vázquez con «Xoán, Xoana»
CULTURA
Castro, colaborador de La Voz de Galicia, presentouse ao certame baixo o pseudónimo de Paul Breson e o xurado elixiu o seu texto pola «excelente calidade» literaria na que advertiu «un gran equilibrio entre os diálogos e a narración»
28 jul 2022 . Actualizado a las 11:53 h.O escritor e editor Francisco Castro Veloso (Vigo, 1966) ven de gañar o Premio de literatura infantil e xuvenil Pura e Dora Vázquez, na modalidade de narrativa, coa obra Xoán, Xoana.
Castro, colaborador de La Voz de Galicia, presentouse ao certame baixo o pseudónimo de Paul Breson e o xurado elixiu o seu texto pola «excelente calidade» literaria na que advertiu «un gran equilibrio entre os diálogos e a narración». Ademais, o equipo presidido pola deputada de Cultura e Proxectos Audiovisuais da Deputación de Ourense, Patricia Torres, e do que tamén formaban parte David Canda, Antón Alonso, Xosé Antón Dorrio e Isabel Mociño, en representación do resto de grupos políticos da corporación, e que tivo a Ana Malingre de secretaria, tomou en consideración a súa «achega de valores interesantes» sobre un tema de plena actualidade social como é «a reafirmación da identidade na adolescencia».
«O bo manexo do rexistro de personaxes e do ritmo narrativo» ou o «a visibilidade dos aspectos de xénero, que trata con naturalidade nun contexto educativo» son algúns deses valores destacados por parte do xurado, que tivo en conta como aborda «situacións de conflito como é o acoso a través do fútbol e nos patios de recreo» e como reflicte un problema «que se presenta tanto entre os nenos como cos adultos; no colexio, e na familia». Ademais incide en que o fai poñendo enriba da mesa «a perseveranza e a loita, pero tamén o respecto, a empatía e a integración, así coma a necesaria convivencia en sociedade», co cal provoca que o lector «empatice cos que son diferentes» e ponnos a todos diante do espello.
Francisco Castro, que na actualidade dirixe a Editorial Galaxia e que xa antes presidiu GALIX, a Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil, ten no seu haber varios dos principais premios de literatura que se entregan en Galicia. No 2004 recibiu o Frei Martiño Sarmiento por Un bosque cheo de faias. Repetiu galardón no 2007 con O ceo dos afogados, que foi considerado o mellor libro do ano, e no 2011 con Chamádeme Simbad. No 2006 gañou o Blanco Amor con Spam e no 2007 fíxose co Premio de Novela Manuel García Barros, que concede o Concello da Estada, con As palabra na néboa. Ademais tamén recibiu diferentes distincións no ámbito xornalístico ao longo dos últimos anos.
Co fallo onte deste premio, que está dotado con 1.500 euros, ábrese tamén o prazo para a presentación de orixinais na categoría de ilustración, que ten por obxecto complementar con imaxes esta narración. Os interesados en presentarse poden pedir o texto no enderezo electrónico publicacións@depourense.es e teñen de prazo de entrega ata o 30 de setembro.