O Consello da Cultura colabora nunha mostra inédita de Seoane en Buenos Aires

Gala Dacosta Diehl

CULTURA

«O meco» (1963), óleo sobre lenzo pintado por Luís Seoane
«O meco» (1963), óleo sobre lenzo pintado por Luís Seoane

«Materiais Seoane. Entre Galicia e Arxentina» inaugurouse onte no Museo Larreta

22 jul 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O Museo de Arte Español Enrique Larreta, na capital arxentina, iniciaba onte a exposición «Materiais Seoane. Entre Galicia e Arxentina», un diálogo entre a obra porteña e galega do artista. A mostra, na que colaboraron o Consello da Cultura Galega e o goberno da Cidade Autónoma de Buenos Aires, fíxose a través dun dobre comisariado entre o galego Pablo García e a arxentina Silvia Dolinko, ambos doutores en historia e culturas latinoamericanas.

O comisario galego califica a obra do expresionista como unha búsqueda constante: «A arte de Seoane está marcada pola súa ‘transatlanticidade'. Nace en Buenos Aires, ven a Galicia e volve despois a Buenos Aires. Logo está indo e vindo constantemente, e os materiais tíñaos a un ou outro lado de Atlántico, polo que a miúdo non se puxeron xuntos en diálogo». De feito, o título da mostra fai alusión á diversidade de materiais e técnicas empregadas polo polifacético artista.

«A arte de Seoane está marcada pola súa ‘transatlanticidade'»

Grabado, óleo, ilustración, tapiz, cerámica… O visitante poderá observar como exploraba todo aquilo que lle ofrecía a nivel técnico e formal cada material. Cunha traxectoria marcada pola «experiencia do borde», é dicir, vivindo un pouco do lado de dentro e outro pouco do de fóra, Luís Seoane era un home exiliado e un cidadán da diáspora. «O seu imaxinario non se pode entender sen esa condición de ir e vir constante a través da memoria ou do desprezamento físico forzoso», explica García.

A obra de Seoane non caduca, e proba disto é que seguen vixentes as preguntas que se fixo durante a súa carreira. A mostra recupera moitas delas, como o papel das Vangardas, a posguerra, o muralismo e a cerámica como saber popular ou a renovación do deseño industrial. As obras seleccionadas polos dous comisarios son de distinta procedencia e veñen de coleccións privadas, institucións arxentinas, da colectividade galega, da Biblioteca de Galicia, do Consello da Cultura, da Fundación Luís Seoane…

A exposición íase inaugurar en abril do 2020 e tivo que ser adiada por mor da pandemia. Dende entón, 34 obras cruzaron o océano Atlántico ata a cidade de Buenos Aires, aínda que García sinala que foi doado: «A comunicación entre o comisariado, o Consello da Cultura e as institucións arxentinas foi moi fluída».

Esta mostra xorde da proposta do goberno da cidade de Buenos Aires ao Consello da Cultura Galega. «Materiais Seoane. Entre Galicia e Arxentina» non visitará a nosa Comunidade, García sinala que é posible imaxinar un escenario futuro no que se inicie o proceso que se realizou agora, pero á inversa, abrindo así un camiño de colaboración entre Galicia e Arxentina a través da figura de do artista.

Mentres a mostra estea aínda en exhibición, planean editar un catálogo no que colaborarán os comisarios e máis outros especialistas no pintor galego, como o historiador Ramón Villares e a experta en teoría da arte, Talía Bermejo.

Un artista sempre á procura

Figura chave do século XX, Luis Seoane (Buenos Aires, 1910) foi grabador, pintor, deseñador, xornalista, fundador de revistas, poeta... pero sobre todo foi un investigador incansable.

Dentro das súas pesquisas, indagou sobre técnicas, materiais e propostas diversas para innovar dentro da identidade artística galega. Logo dun proveitoso encontro na Arxentina, pensou e fundou o Laboratorio de Formas xunto con Isaac Díaz Pardo, outro humanista e home polifacético adiantado ao seu tempo. Entre os dous impulsarán a renovación da antiga fábrica de Sargadelos dende a que reimpulsarán a cultura da terra. O encargado de deseñar a famosa fábrica de planta circular de Cervo será Albalat, quen doutará desa dimensión global a nova industria galega.

A mostra «Materiais Seoane. Entre Galicia e Arxentina» atende ás distintas facetas de Luís Seoane mais céntrase nos aspectos técnicos e estéticos da súa obra, pasando polas súas formulacións teóricas. As características das pezas de Seoane: cores vivas, debuxos esquemáticos, liñas rectas, grandes murais, cerámicas moldeadas a man, capas de libros que son clásicos da literatura galega... poderanse ver na mostra do Museo Enrique Larreta ata o día 27 de novembro.