María Solar, premio Xerais de novela 2022: «Se cunha novela alguén non se emociona, entón é unha derrota»

Gala Dacosta Diehl

CULTURA

Premio Xerais
Premio Xerais XOAN A. SOLER

Suspense, trazos intimistas e protagonismo feminino na novela A culpa

21 jul 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Despois de horas de deliberación do xurado, esta fin de semana coñecéronse os gañadores das distintas modalidades do maior premio da narrativa en galego: o XXXIX Premio Xerais de novela, que obtivo a xornalista María Solar con A culpa; o XIV Premio Jules Vernes, que foi parar á profesora e escritora Rocío Leira con Cicuta para dous; e o XXXVII Premio Merlín, que gañou o tamén profesor e autor Anxo Iglesias con Unha nova dimensión.

María Solar (Santiago, 1970) obtivo o clásico galardón de Xerais con A culpa, novela trepidante de suspense escrita con precisión de cirurxiá. Conta que cando recibiu o premio se puxo a chorar, que cada ano dende adolescente mercou o libro galardoado e que esta novela foi a que máis tempo tardou en construír. Foron cinco anos escribindo esta historia que quere «que sexa dos demais», e nun off the record confesa que botou man de expertos para determinadas partes. Haberá que esperar ata novembro, cando se publique a novela, para coñecer o que quere dicir.

—Que sensación a acompaña despois de recibir un galardón que é xa un clásico?

—Levo días emocionada porque para min isto non é só o premio: son os afectos e como se enchen as redes e o móbil co cariño da xente. Escribir é algo moi solitario e moi intenso, e durante ese tempo vivo dentro da historia. Cando me chamaron para dicirme que gañara, boteime a chorar por varios motivos: pola espera, polas horas que botei despois de traballar... Unha parte importante do galardón é o seu peso e a súa importancia, pero non o é todo.

—A culpa é unha personaxe máis nesta novela sobre mulleres, en que sentido querías falar dela?

—Eu quería falar da culpa dende moitas vertentes. A súa presenza na sociedade é brutal dende que nacemos; sempre nos persegue, especialmente ás mulleres, e cando non hai un culpable a man, buscámolo. A culpa pódete perseguir durante toda a vida, ou pode aparecer anos despois, e pode ser real ou imaxinaria. Pódese dicir que é unha protagonista fundamental.

—Que nos pode adiantar sobre as outras dúas protagonistas, Mirta e Marcela?

—Unha personaxe, Amanda, conta dende a actualidade como atopa a historia vital destas mulleres, que é a dunha relación enfermiza de control e dominación ata a loucura. Ao final, Amanda herdará esa culpa xunto con outra herdanza de tipo económico.

—Como foi o proceso de escrita?

—Por primeira vez, cando ía escribir esta novela xa coñecía a trama e un xiro transcendental que aparece ao final de todo. Eu teño moi pouco tempo porque traballo moitas horas cada día, teño fillos, unha nai moi maior... Foi difícil escribir por falta de tempo, pero eu necesitaba vomitar esa historia que levaba dentro xa cinco anos. Escribindo son moi maniática e necesito que todo teña unha precisión real, así que investiguei sobre temas legais sobre herdanzas, tamén sobre cuestións históricas sobre os dous escenarios nos que transcorre a novela, que son España e Arxentina, e falei cun médico forense de Verín que é unha eminencia...

—Vostede domina varios xéneros, estudou unha carreira de letras e outra de ciencias… que lle diría a esas persoas que cren que valemos para unha cousa ou para outra?

—Eu todo o que fago é comunicar e o máis importante é facer sentir ás persoas. Se cunha novela alguén non se emociona, entón é unha derrota. Estou desexando que esta sexa dos demais porque ao final as historias son unha cousa subxectiva e de cada un.

—A primeira muller que obtivo o Premio Xerais foi Marilar Aleixandre no ano 2001, pero nas últimas edicións as mulleres foron protagonistas do galardón. Estamos asistindo a un bum das escritoras en galego?

—As mulleres somos as lectoras deste país, e cada vez destacamos máis na escrita. Estámonos facendo cun oco en todos os xéneros e estásenos recoñecendo, que é o máis importante.

Rocío Leira, Premio Jules Verne 2022: «Parecíame interesante construír unha novela con trazos filosóficos»

O premio de narrativa xuvenil Xerais deste ano foi parar a Rocío Leira (A Pereiriña, 1979) con Cicuta para dous. Esta novela alterna suspense con filosofía e doses de humor. En palabras da autora, «a presenza do humor era un contrapunto ideal para compensar a densidade que as pinceladas filosóficas puidesen aportar». Sinala que a filosofía está inxustamente relegada a un segundo plano na actualidade: «Parecíame interesante construír unha novela para mozos que lles aportase certos trazos da filosofía, pois esta disciplina non acostuma a aparecer nas novelas xuvenís». Para abrir apetito, adianta que a novela comeza cun anuncio por palabras no xornal: «Búscase persoa curiosa para resolver un crime que aínda non se cometeu». A partir de novembro será posible seguir a pista desta mensaxe misteriosa.

Anxo Iglesias, Premio Merlín 2022: «Canto antes os nenos descubran que poden contar coa poesía, mellor»

Anxo Iglesias (Vigo, 1967) é profesor e escritor, creador dunha banda e coordinador dun club de lectura, todo para nenos. Unha nova dimensión obtivo o XXXVII Premio Merlín cunha escolma poética pouco habitual na literatura infantil.

«Canto antes os nenos e nenas descubran que a poesía está aí, que poden contar con ela, que nunca defrauda, que os vai acompañar nos bos e nos malos momentos, que lles abre portas e que conecta co máis profundo das súas emocións, mellor», explica. Para Anxo, a poesía é un refuxio e unha imprescindible compañeira de viaxe: «É un lugar onde curo medos, onde fago terapia». Di que a palabra ten infinitas posibilidades para a creatividade dos máis pequenos. Na obra, que se publicará en novembro, a poesía comeza como un xogo que acaba sendo «unha invitación á tenrura».