A xornalista María Solar gaña o premio Xerais 2022 coa novela «A culpa»

G. Novás REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

A escritora e xornalista María Solar.
A escritora e xornalista María Solar.

Rocío Leira, Jules Verne de literatura xuvenil, e Anxo Iglesias, Merlín de infantil

03 ago 2022 . Actualizado a las 00:02 h.

A xornalista e escritora María Solar (Compostela, 1970) alzouse este venres coa 39.ª edición do premio Xerais de novela grazas á súa obra A culpa, que se impuxo ás outras 39 propostas presentadas, «unha narración moi equilibrada e áxil», segundo anota o xurado, que enxalza como dosifica e infiltra perfectamente «as pasaxes intimistas e reflexivas que esixen unha lectura máis pausada co ritmo trepidante e os diálogos fluídos para os momentos de acción e suspense». A culpa —incide o fallo— é un xogo de espellos entre dúas socias indisolubles, unhas nenas amigas inseparables, Mirta e Marcela, que acordan afastarse das súas familias nunha fuxida de supervivencia, «unha relación que comeza cunha clara manifestación de apoderamento persoal e feminino para se ir convertendo nunha submisión tóxica agoniante cun final perturbador onde a culpa se converte nun personaxe omnipresente».

Trátase, continúa o xurado, dunha novela de intriga que «mantén até o último alento a necesidade de descubrir cada un dos elementos agochados nesa poza intermareal en que se mergullan as persoas lectoras para poder desentramar e comprender con lucidez a historia que se conta». Mirta (a gran Mirtha Val), avanza a editorial, acabará por se converter na artista máis recoñecida da Arxentina e Marcela será quen se encargue, ata o último momento, de xestionar o seu éxito cunha eficacia abraiante.

O premio Xerais conta cunha dotación económica de 10.000 euros e comporta a publicación polo selo que convoca o concurso. Idéntica bolsa recibirán Rocío Leira (Pereiriña, Cee, 1979) pola obra Cicuta para dous —ao obter o 14.º premio Jules Verne de literatura xuvenil— e Anxo Iglesias (Vigo, 1967) por Unha nova dimensión —que se fixo coa 37.ª edición do Merlín de infantil.

De Cicuta para dous o xurado destaca «a forza do argumento, a orixinalidade, o manexo da lingua e, sobre todo, o carisma dos personaxes», dunha novela que consideran «redonda» e que arrinca coa aparición desta mensaxe na sección de anuncios por palabras dun xornal: «Búscase persoa curiosa para resolver crime que aínda non se cometeu». Así comeza un relato cheo de intriga e humor, tinguido de pinceladas filosóficas que dan pé á reflexión. Nestas páxinas, Leira pon a Erundino Terrón Vidal, filósofo, e á súa secretaria, Irma Redondo Camporrapado, a buscar a resolución do misterio.

En canto a Unha nova dimensión, di o fallo, é un orixinal compendio poético baseado na liberdade creativa e nos xogos coa linguaxe. Nas súas páxinas desprégase un amplo abano de composicións (romances, abecegramas, xitanxáforas, ladaíñas, haikus, pictopoemas, cancións…), así como recursos de todo tipo: semánticos, fonéticos, rítmicos ou visuais, cunha meditada escolla de tamaños e cores de letra, e unha coidada disposición das palabras no espazo para gañar en expresividade.

A partir do concepto matemático de dimensión, Iglesias artella un libro de poemas onde prima a compoñente lúdica e imaxinativa que conecta directamente co mundo da infancia; a poesía entendida como fonte de diversión.

Os tres títulos chegarán ás librarías no próximo mes de novembro, coincidindo co acto de entrega dos galardóns.