Lavandeiras

CULTURA

Lavandeira, nunha praia de Vilagarcía.
Lavandeira, nunha praia de Vilagarcía. Martina Miser

12 jul 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O cuarto onde teño os meus instrumentos, os meus libros e as miñas cousas é un dos máis privilexiados da casa. Dun lado ten unha galería orientada cara o norte, dende ela vexo unha paisaxe espectacular que abrangue boa parte do val ata a fermosa e brava praia de Barrañán. Podo ver o esplendor do lugar aínda ben poboado de árbores autóctonas que inzan o transcurso do río Bolaños ata a súa desembocadura na coñecida como ría de Barrañán e boa parte da fraga de Sisalde. Na parte de atrás da casa teño menos vistas xa que a frondosidade dos salgueiros, castiñeiros e outras árbores limitan a visibilidade, mais do mesmo xeito ten moito encanto. Esa parte traseira ten un pequeno balcón ben soleado do que están pendurados uns maceteiros cuns xeranios que rego case que diariamente.

Un día de finais de maio observei que nun deles había un pequeno niño con seis ovos. Seguín regando asegurándome de non interferir en nada; aos paxaros non lles gusta que se lle ande no niño e incluso poden chegar a abandonalo. Como non sabía de que especie se trataba púxenme a observalo ata descubrir que eran lavandeiras, unhas pequenas e elegantes aves que a min particularmente parécenme ben fermosas. Ao saber da súa presenza neste lugar, deixei a persiana que separa o meu carto do balcón un pouco entornada e fun observando a súa evolución ao tempo que, con moito coidado, seguín regando os xeranios.

Día a día era un acontecemento novo, fun fotografando todo o proceso dende que estaban os ovos sos ata que abandonaron o niño. Foi aproximadamente un mes ata que as pequenas lavandeiras botaron todas a voar en liberdade e para min foi moi emocionante vivir tan de preto toda a súa evolución. Agora quedou só o niño e ata boto en falta sentilos piar pola nai e a algarabía dos últimos días antes do seu primeiro voo. Oxalá poida ter de novo outra experiencia similar. Ser testemuña da chegada da vida, con todo o seu proceso inicial, dende moi pouca distancia e na miña propia casa, pareceume un privilexio que serve para valorar, se cabe mellor, o que significa respectar a vida que temos ao redor.