O festival de Almagro celebra «a forza e o esplendor» do teatro galego

H. J. Porto REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

No Día de Galicia, o espectáculo «En trobar xace entendemento» animou no Corral de Comedias a participación galega no festival de Almagro coa actuación de Xoán Curiel, Bleuenn Le Friec e Xosé Lois Romero, que interpretaron as «Décimas ao Apóstolo Santiago» e cantigas de trobadores.
No Día de Galicia, o espectáculo «En trobar xace entendemento» animou no Corral de Comedias a participación galega no festival de Almagro coa actuación de Xoán Curiel, Bleuenn Le Friec e Xosé Lois Romero, que interpretaron as «Décimas ao Apóstolo Santiago» e cantigas de trobadores. Pablo Lorente | Festival de Teatro Clásico de Almagro

Cinco producións representan á comunidade convidada no encontro manchego

12 jul 2022 . Actualizado a las 05:15 h.

O Festival Internacional de Teatro Clásico de Almagro, en Ciudad Real, celebra «a forza e o esplendor» do teatro galego, segundo enxalza o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, que considera «un orgullo e unha honra» a participación da escena de Galicia —de grande «calidade, diversidade e potencial»— na condición de comunidade convidada. No encontro manchego, que enfronta este verán a súa 45.ª edición e que amosa máis de medio cento de montaxes ata o día 24 de xullo, Galicia cadra con Uruguay —país convidado—, circunstancia que Rodríguez festexou por canto estima que son dous pobos irmáns polo fenómeno da emigración.

O propio director do festival, Ignacio García, subliñou esta «vinculación histórica» que quedou evidenciada, lembrou, no acto dedicado a Uruguay, cando actuou o payador Juan Carlos López, «decimista que improvisa en décimas e hijo de un inmigrante gallego, lo que refleja el parentesco directo en la tradición del verso». García eloxiou a riqueza e amplitude da mostra que achega Galicia, «una propuesta de teatro contemporáneo sobre textos clásicos que ahondan en el pasado de nuestras teatralidades: desde los milagros medievales, las cantigas de Alfonso X o los autos de Gil Vicente, hasta llegar a lo contemporáneo». Unha mirada, recalcou, que se define como «feminista y transversal» e que, di, sintetiza «la creatividad contemporánea gallega» e que ensinará que «el Siglo de Oro es más plural, más mestizo y más plurilingüe de lo que creíamos».

Foto de familia da representación do teatro e a cultura galegos no encontro manchego tomada no emblemático escenario do Corral de Comedias de Almagro.
Foto de familia da representación do teatro e a cultura galegos no encontro manchego tomada no emblemático escenario do Corral de Comedias de Almagro. Pablo Lorente | Festival de Teatro Clásico de Almagro

A carteleira galega en Almagro componse de cinco espectáculos. Eclosionou o propio sábado 9 de xullo, no Día de Galicia, no emblemático Corral de Comedias, co espectáculo En trobar xace entendemento, no que Xoán Curiel (voz e guitarra), Bleuenn Le Friec (voz e arpa) e Xosé Lois Romero (voz, acordeón e pandeiro) interpretaron a musicalización das Décimas ao Apóstolo Santiago —corroborando a conexión uruguaia que apuntaba Ignacio García— e unha mada de cantigas de trobadores. Unha liña que segue heterodoxamente a montaxe de Producións Excéntricas Estrela do día, un texto de Quico Cadaval que dirixe Marcos PTT Carballido e que xoga coas Cantigas de Santa María de Alfonso X e os seus misterios sacros, «a cuxa beira —razoa Cadaval— floreceu a farsa de bufóns e comediantes, servíndolle de espello ao prodixio. Un espello deformante e esclarecedor. As boas xentes do teatro demostraron que a Sagrada Señora era humana, demasiado humana».

Momento da montaxe «Estrela do día», un texto de Quico Cadaval que dirixe Marcos PTT Carballido.
Momento da montaxe «Estrela do día», un texto de Quico Cadaval que dirixe Marcos PTT Carballido.

A presenza galega complétase con tres coproducións ao amparo do Centro Dramático Galego. La Toffana (13 de xullo), escrita pola novelista barcelonesa Vanessa Montfort a partir do xuízo histórico no Tribunal do Santo Oficio de Roma, no século XVII, contra unha acusada de facilitar veleno a outras mulleres para se desfacer de seus homes; A barca do Inferno (día 20), sobre a obra homónima de Gil Vicente; e Arte sen guión (22 e 23), que indaga a posibilidade da existencia dun teatro medieval en galego do que non existen obras escritas.