Galaxia, Ferrol e a cultura galega renden tributo a Siro e a Alcalá

CULTURA

Siro López, Xavier Alcalá e Francisco Castro, na presentación da novela na sede ferrolá de Afundación.
Siro López, Xavier Alcalá e Francisco Castro, na presentación da novela na sede ferrolá de Afundación. José Pardo

A nova edición de «Alén da desventura» presentouse en Afundación

07 jul 2022 . Actualizado a las 01:26 h.

A editorial Galaxia, a cidade de Ferrol e, con elas, a cultura galega, rendéronlle este mércores tributo a Xavier Alcalá e a Siro. E, con tal motivo, desde toda Galicia achegáronse á cidade naval, para sumarse a esta homenaxe, nun encontro especialmente emotivo, amigos, lectores e admiradores da obra de ambos os dous creadores. «Para min este de hoxe, en Ferrol, é un día moi fermoso —confesaba Siro—. Non podo esquecer que os meus primeiros contactos con Galaxia foron a través de Ramón Piñeiro, dun home que despois sería unha das persoas máis importantes da miña vida. Agora —engadía Siro, conmovido—, Piñeiro xa non está. Como xa non están, tampouco, García Sabell, Paco del Riego e tantos outros. Pero eu, desde aquí, desde este Ferrol noso, lémbrome deles...».

«Este é un recoñecemento á teimosía. Á teimosía que tanto se precisa en case todo, xa sexa un escritor ou enxeñeiro», sinalaba, pola súa banda, con evidente humor pero tamén un tanto conmovido, Xavier Alcalá. «Ferrol me fecit —engadía o novelista parafraseando a Torrente Ballester—. É evidente que, sen Ferrol, eu non sería quen son —explicaba—. E, por certo: unha novela como Alén da desventura enténdea, desde a súa lectura máis fonda, quen coñeza en profundidade, tamén, Ferrol».

O valor da historia

A sede ferrolá de Afundación, un edificio cheo de historia e tamén de literatura (foi desde cárcere público ata goberno militar, ademais de instituto de bacharelato, un instituto que tivo a Gonzalo Torrente Ballester entre os seus profesores), acolleu este mércores o acto no que se presentaba ao público unha nova edición de Alén da desventura. Unha obra publicada, orixinalmente, no ano 1998, cando recibiu o Premio Blanco Amor, e que agora se reedita con ilustracións de Siro. Un libro escrito en «estado de graza», segundo sinalou o director de Galaxia, Francisco Castro, durante o encontro. E dáse a circunstancia, ademais, de que o mesmo edificio, un inmoble de 1801 que é un dos grandes emblemas do casco histórico de Ferrol, acolle estes días a mostra Siro López e Xavier Alcalá: 50 anos de colaboración con Galaxia. Unha mostra —da que forman parte tamén as imaxes coas que Siro ilumina agora Alén da desventura— e coa que a editorial recoñece, igualmente, o labor de dúas figuras fundamentais da cultura galega contemporánea.

Toda unha vida de amizade

Dúas figuras irrepetibles —as de Alcalá e Siro— que son, en mil sentidos, ferrolás, posto que foi en Ferrol —a cidade na que se coñeceron e se fixeron amigos— onde ambos os dous creadores viviron a súa infancia e a súa xuventude e onde xurdiu e foi medrando, inquebrantable, o seu compromiso coa lingua galega e con Galicia.

Alcalá naceu en Miguelturra, en Cidade Real, no ano 1947, pero a súa familia trasladouse a Ferrol sendo el aínda moi neno. E Siro naceu en 1943 en Esteiro, barrio ferrolán sempre vencellado ao mundo dos traballadores da construción naval.