Os inicios

CULTURA

05 jul 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando era rapaz viaxaba con frecuencia á aldea. Aínda que normalmente ía cos meus pais, en ocasións facíao co meu irmán Moncho, que é once anos máis vello ca min. No traxecto da viaxe, que daquela era de algo máis de catro horas, faciamos unha ou dúas paradas para descansar ou encher o depósito. En ocasións, mentres o meu irmán botaba gasolina dicíame a min que fose mercar algo de música para ir escoitando na viaxe. Daquela vendíanse por moreas as cintas casete que hoxe xa parecen reliquias de tempos en realidade non tan afastados. En ocasións mercaba música de gaiteiros e o meu irmán, que estaba máis próximo ás músicas daquela máis modernas, sempre se asombraba dalgunha das miñas adquisicións. Lembro coma se fose hoxe a súa cara e a pregunta de rigor: pero que carafio mercaches aquí? O caso é que naquela altura xa comezaba a miña afección polas músicas tradicionais e o folk.

Nesas cintas estaban gravadas músicas de corais como as de Ruada ou Cantigas da Terra; grupos de gaita coma Os irmáns Portela ou Os Campaneiros. E así foi a iniciación. Non tardou moito tempo en que chegaran a min gravacións de Voces Ceibes, Fuxan os Ventos, Emilio Cao, etcétera. Despois de tantos anos e de tanto vivido, ás veces póñome a pensar e quedo abraiado da cantidade de historias relacionadas coa música tradicional que dende aquela teño vivido.

Ter coñecido persoalmente a grupos de gaitas míticos coma Os Montes de Lugo ou Os Garceiras de Melide. Tamén a grandes persoeiros coma Ricardo Portela, Xosé Seivane, Emilio Pando, Bibiano Morón, Benedicto ou Suso Vaamonde, entre os moitos que xa non están, foi un auténtico privilexio. Así como o é seguir sabendo de Miro Casabella, Xosé Quintas Canella, Emilio Cao, Nani García e moitas máis persoas que dalgún xeito, en maior ou menor medida, seguen a ter un pulso importante e unha influencia salientable no que acontece nas músicas galegas actuais. Polo tanto, considero que é bo cimentar para poder construír. Non esquecer de onde vimos: pór en perspectiva por onde deberiamos ir.