A Fundación Laxeiro amosa obra inédita do pintor

Jorge Lamas Dono
j. lamas VIGO / LA VOZ

CULTURA

A mostra «Laxeiro descoñecido II» permanecerá aberta en Vigo ata o 2 de outubro.
A mostra «Laxeiro descoñecido II» permanecerá aberta en Vigo ata o 2 de outubro. Óscar Vázquez

A exposición está composta por 24 pinturas e debuxos que proceden de coleccións privadas

30 jun 2022 . Actualizado a las 20:58 h.

«O gran mestre da pintura de Galicia de todos os tempos». Así definiu o alcalde de Vigo, Abel Caballero, a José Otero Abeledo, coñecido artisticamente como Laxeiro. Fíxoo na presentación da exposición Laxeiro descoñecido II. Obras inéditas de segunda época. Está composta por 24 pinturas e debuxos catalogados despois da publicación do Catálogo universal do 2009 e que proceden de coleccións privadas.

Este proxecto é a segunda achega da serie Laxeiro descoñecido coa que a Fundación Laxeiro quere amosar unha pequena parte do traballo de investigación co que leva catalogadas ao redor de catro mil referencias dende o ano 2000. Estas dúas exposicións enmárcanse dentro das actividades programadas pola Fundación Laxeiro co gallo do Ano Laxeiro, acordado pola Real Academia Galega de Belas Artes.

«O máis rechamante desta segunda época de Laxeiro, a que comeza tras o seu retorno de Bos Aires, é que racha co estilo único anterior e practica diferentes linguaxes sen abandonar o primixenio», explica Javier Pérez Buján, director artístico da Fundación Laxeiro e comisario da exposición. De feito, a escolma de pinturas expostas, que pertencen a distintas colecciones privadas, comprende cadros moi distintos á imaxe tradicional do pintor de Lalín, como é o caso dunha pintura do ano 1987 na que realiza unha revisión do cubismo, ou de dúas composicións en brancos e grises dunha figuración inconclusa. «Esta exposición é unha forma de ampliar a visión que temos de Laxeiro; dá a impresión de que a catalogación é máis cativa que a propia realidade de Laxeiro», enxalzou o rexedor vigués.

A mostra poderase ver ata o próximo 2 de outubro no terceiro andar da Casa das Artes. Durante a semana, abre de 11.00 a 14.00 e de 18.00 a 21.00 horas; o sábado ten o mesmo horario, pero empeza ás 12.00 horas; e os domingos, de 12.00 a 14.00 horas.