Morre en México Celia Teijeiro, a viúva de Florencio Delgado Gurriarán

La Voz O BARCO

CULTURA

Celia, co seu neto José Miguel Delgado, na súa casa de Cidade de México o pasado maio
Celia, co seu neto José Miguel Delgado, na súa casa de Cidade de México o pasado maio cedida

Na distancia, viviu con ledicia a celebración do Día das Letras en homenaxe ao poeta de Córgomo

20 jun 2022 . Actualizado a las 20:57 h.

Vinte anos despois de que empezaran os movementos para conseguir un Día das Letras para Florencio Delgado Gurriarán, por fin o 17 de Maio estivo dedicado ao poeta de Córgomo. Vilamartín de Valdeorras convertiuse nunha grande festa para recordar ao autor de Bebedeira e Galicia Infinda, entre outros. Unha festa que non quixeron perder as súas fillas: Celia, Carmen e Maruxa, que viaxaron desde México e California para estar en Galicia en tan importante data. Mostraban aquí a ledicia de toda a familia, de todos aqueles que non poideran viaxar, en especial a de Celia Teijeiro López. A viúva de Florencio, de 96 anos, non estaba para tan longa viaxe, comentaban entón as súas descendentes. Esta mañá, a muller finou na súa casa de Cidade de México, onde vivía coa súa filla Celia.

Filla de migrantes galegos, Celia Teijeiro naceu en Cuernavaca (México). Sendo pequena a familia volveu á Coruña natal dos pais, pero no 1939 establecéronse de novo da outra beira do Atlántico. Coñeceu a Florencio cando traballaba na zapatería do seu tío, tenda ao que o escritor entrou porque daquela se gañaba a vida como representante dunha casa de zapatos. Casaron no 1944 e tiveron cinco fillos: Florencio, Celia, Maruxa, Lucio e Carmiña. Xuntos viviron en México, onde Florencio chegou cando tivo que exiliar; e tamén en California, onde morreu o poeta. Antes, xuntos viaxaron en varias ocasións a Valdeorras.

Desde o proxecto As Letras de Florencio, que coordinou o traballo para conseguir o Día das Letras para o poeta, anunciaron o pasamento de Celia «con tremenda tristura». E pesar, expresaron tamén desde a Real Academia Galega, o Instituto de Estudios Valdeorreses e o Concello de Vilamartín de Valdeorras.