Francisco Porrúa, editor

CULTURA

Gabriel García Márquez e Paco Porrúa, conversando mentres camiñan pola rúa.
Gabriel García Márquez e Paco Porrúa, conversando mentres camiñan pola rúa.

18 jun 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Se o gran editor Francisco Porrúa Fernández non ten un monumento en Corcubión (A Coruña), onde naceu en 1922, coido que é hora de corrixir esta eiva, porque estamos ante un dos mellores editores de libros dos últimos cen anos. Emigrado de neno coa súa familia á Patagonia arxentina, Porrúa foi, a partir de 1958, o gran asesor da Editorial Sudamericana (impulsada por Borges), que publicou Cien años de soledad de García Márquez e Las armas secretas e Rayuela de Cortázar, dous grandes autores do boom latinoamericano. De feito, foi Porrúa quen apostou pola obra incomparable do escritor colombiano, que se ía converter na novela máis internacional do século XX, traducida a case medio cento de idiomas. Outros autores escollidos por el foron Onetti, Marechal, Mutis e Sarduy.

Porrúa atinou tamén como fundador da Editorial Minotauro de obras de ciencia-ficción e, en 1977, trasladouse a Barcelona. Publicou daquela El señor de los anillos, de Tolkien, obra mestra da literatura fantástica de todos os tempos. Moitos outros escritores do boom latinoamericano acabaron publicando con el.

Paco Porrúa nunca perdeu a relación coa súa terra galega, a onde volveu coa nai e os irmáns en 1931, para coñecer ós seus parentes, e onde permaneceu dous anos e medio (primeiro en Corcubión e despois en Ferrol, onde seu avó era notario). Pero nunca se afastou dos seus proxectos editoriais.

O 3 de abril do 2008 entrevisteino para o meu libro A Galicia máxica de García Márquez (Xerais, 2013) e explicoume en detalle a súa relación co autor de Cien años de soledad. Contoume como se adiantou ós demais con só ler os catro primeiros capítulos que o colombiano tiña escritos. Foron suficientes para que lle enviara a volta de correo un contrato asinado o 10 de setembro de 1966 con 500 dólares de adianto. O 30 de maio de 1967 viu a luz Cien años de soledad, e moi axiña a realidade e a lenda da novela galoparon irrefreables. Porque Porrúa soubo, ó lela, que estaba ante un milagre. E atinou porque, como escribiu Dasso Saldívar, biógrafo do escritor colombiano, «a demanda medrou en proporción á voracidade lectora de todo un continente». Porrúa finou ós 92 anos nun hospital de Barcelona.