María Toro, música: «Galicia ten moita cultura de jazz»

CULTURA

cedida

A artista coruñesa está instalada en Madrid, di, porque lle resulta máis doado desprazarse. O 9 de xullo presenta o seu disco «Fume» no Temple (Cambre)

14 jun 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

María Toro (A Coruña, 1979) pediulle un día aos seus pais que lle comprasen unha frauta traveseira. E a súa vida cambiou. Despois de estudar en Madrid, en Nova York ou en Río, evoluciona dende Madrid a súa fusión de jazz e flamenco aderezado coa alma galega da que, obviamente, non pode desprenderse. Fala pouco. O seu é expresarse coa música que lle sae de dentro.

—Está vostede xirando un disco que se chama «Fume».

—Si. Gravámolo no 2020, xusto en canto nos deixaron saír e levamos dous anos de xira con este proxecto. O 9 de xullo estaremos no Temple (Cambre) no festival de jazz.

—Volven os directos, xa había ganas.

—Si, porque ademais foi o ano de pandemia mais o de pospandemia, con moita incerteza porque había moitas cancelacións. Foron dous anos bastante duros. Agora estamos remontando.

—Unha coruñesa que funde flamenco e jazz. Iso non é frecuente.

—En Galicia hoxe en día hai moitísima cultura de jazz e moitos músicos impresionantes. É verdade que o flamenco non chega tanto. Pero eu estudei con bolsa en Madrid que foi onde tiven máis relación co mundo do flamenco e do jazz. Cando me mudei a Nova York tiven máis contacto co jazz.

—Estivo en Nova York, en Brasil...

—E vivín en Suíza tamén.

—Alma de emigrante.

—Como boa galega.

—Fórono os seus pais?

—Non. Meu pai é dunha aldea de Viveiro que se chama Xerdiz (onde pasei boa parte da infancia e da adolescencia) e miña nai é da Coruña.

—Como chegou á frauta? Foi unha evolución dese momento no cole no que nos fan tocala?

—Non. Foi un día que cheguei á casa con esa idea, que quería tocar a frauta traveseira e meus pais tiveron que facer un esforzo moi grande porque naquel momento non era fácil. Hoxe en día é máis fácil, son máis baratas.

—Non ten antecedentes na familia?

—Co tempo decateime de que un irmán do meu avó, que era da Coruña pero o seu pai era de Cádiz, viviu toda a vida do cante flamenco. É unha coincidencia que igual non é tan coincidencia.

—Da frauta á gaita non hai tanta distancia. Algunha vez se animou?

—Cando tocaba a pandeireta, de cativa, algunhas veces facía un pouco o parvo coa gaita, pero nunca foi a máis.

—Cantas frautas ten?

—Unha. A que me acompaña dende os 14 anos. Con ela fixen a carreira de clásico, superior, estudei 6 anos de jazz, flamenco...

—A frauta sería cara, pero amortizouna ben.

—Si, ha, ha.

—É verdade que un disco de Jethro Tull a sacou dunha crise que tivo coa frauta?

—A carreira musical ten altibaixos. Hai que dedicar moitas horas, é economicamente inestable e tes momentos de fraqueza. Nun deses momentos, aínda era bastante nova, descubrín a Jethro Tull e para min foi moi innovador, porque era o primeiro grupo de rock que usaba unha frauta traveseira. E fascinoume porque Ian Anderson facía todo o que non me deixaban facer a min: ruídos, desafinar...

—A Nova York foi...?

—Visitar uns amigos músicos. Quedei un mes pero había tal cantidade de estímulos que foi como un imán. Pensei que tiña que vivir aquilo ben.

—E tocou en sitios míticos.

—Si. No Blue Note, no 55 bar... sitios incribles. Non é fácil mudarse, pero foi unha plataforma definitiva para min e para a miña carreira musical.

—Pensa en instalarse en Galicia?

—Polo momento, non. Dende aquí é máis fácil viaxar.

—Que é o que máis bota de menos?

—A familia, a comida, a lingua, a natureza... a miña aldea, Xerdiz, que é un lugar de paz e calma.

—Seguro que garda na lembranza algún concerto inesquecible.

—Hai moitos. Cada concerto é único e especial. Pero se quero recordar algunha experiencia forte foi cando gravei o disco en Brasil con Hermeto Pascoal. Foi un día enteiro de gravación e foi moi especial.

—Se puidese ir escoitar a un artista vivo ou morto, a quen escollería?

—Paco de Lucía. Ou Camarón, mellor.

—Celta ou Dépor?

—Dépor, aínda que non son futboleira.

—A que lle gusta dedicar o tempo, cando o ten?

—Gústame moito cociñar e estar en familia. Saír ao campo coa familia. Tamén viaxar.

—Faga unha breve autodefinición de si mesma.

—Son traballadora, testuda, un pouco visceral e alegre.

—Que é o máis bonito que lle dixeron sobre a súa música.

—Cada vez que alguén me di que a música que fago lle chega, que lle emociona... Iso xustifica todo o esforzo que fas a diario.

—Unha canción.

O carro, de Fuxan os Ventos.

—O máis importante na vida?

—O amor, o respecto, a humildade e a diversidade.