No Marco do Couto

CULTURA

O escultor Cándido Pazos, posando ante a estatua que representa o vákner.
O escultor Cándido Pazos, posando ante a estatua que representa o vákner. Ana García

07 jun 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Dende o outono do 2019, teño a honra de participar activamente na divulgación da historia do vákner coma un deses relatos extraordinarios que lle aconteceron aos peregrinos no Camiño de Santiago e nas súas bifurcacións cara os confíns da terra. É primordial enxalzar estas historias que o tempo foi gardando como valiosos tesouros. Deste xeito, o 28 de maio, houbo unha grande celebración no concello de Dumbría onde a besta vákner, coa que se atopara o peregrino Mártiros de Armenia, volveu ser protagonista por diferentes motivos.

Xa de mañá, e participado por este xornal, realizouse a entrega de premios do primeiro Certame Literario Territorio Vákner no Marco do Couto do Dumbría, encrucillada onde se bifurca o camiño que vén dende Compostela e prosegue cara os confíns; Fisterra a 25 quilómetros e a Muxía, 53. Neste mesmo lugar inaugurouse unha escultura dedicada á besta, unha magnífica obra do artista multidisciplinar santiagués Cándido Pazos.

A peza de bronce mide uns 5 metros de altura e é a primeira dedicada a un lobishome en España. Estando presente neste acto, decateime de que en todo momento non deixaron de pasar peregrinos que na súa maior parte seguían camiño cara Fisterra pero tamén os había que ían cara Muxía. Chamoume poderosamente a atención a pingueira incesante de xente de diferentes nacionalidades que por alí pasaba e veume ao recordo o significado do camiño das estrelas.

Vía Láctea é o nome da nosa galaxia que nas noites despexadas e sen contaminación lumínica podemos ver con claridade marcando un trazo no ceo cunha aparente dirección leste-oeste, a mesma que segue polo día o noso sol. De aí que os peregrinos seguindo estás indicacións celestes popularizaron o nome de Camiño de Santiago. Mais moitos deses peregrinos non rematan o seu camiño en Compostela senón que seguen o trazo deses indicativos astrais continuando ata o Atlántico como xa anteriormente fixeron antigas civilizacións naqueles tempos nos que o vákner roldaba polos confíns do mundo coñecido. O día rematou cun gran concerto de Luar Na Lubre máis convidados no campo de fútbol do Conco, onde o espírito do vákner estivo presente en todo momento.