Unha gravata feísima

CULTURA

The Beatles con George Martin no estudio Abbey Road, nunha foto tomada en torno a 1966 e na que só aparecen George Harrison, Paul McCartney e John Lennon.
The Beatles con George Martin no estudio Abbey Road, nunha foto tomada en torno a 1966 e na que só aparecen George Harrison, Paul McCartney e John Lennon.

Cúmprense este luns 60 anos da primeira gravación dos Beatles en Abbey Road

05 jun 2022 . Actualizado a las 21:43 h.

Hai 60 anos, un 6 de xuño de 1962, John, Paul, George e Pete Best (naquela altura, aínda o batería dos Beatles, un correctísimo baterista que probablemente non merecía o despedimento) entraban nos estudos de Abbey Road para facer unha proba. Esa proba cambiaría para sempre a cultura popular, e dalgún xeito, a historia toda de Occidente. Nada do que pasou nos sesenta tería acontecido sen esa xornada de música. Porque aí os Beatles comezaron ser un grupo de verdade, pois ían conseguir un contrato para gravar un disco. O resto, xa se sabe. É historia.

O seu mánager, Brian Epstein, quen levaba uns meses representándoos (e que non tiña nin idea dese traballo de mánager de grupo de rock, mais quedara engaiolado logo de velos en The Cavern), prometéralles que antes dun ano conseguiría un contrato de gravación.

Un produtor, un tal George Martin (logo, responsable do seu son, dos avances técnicos que se desenvolveron no estudo a medida que avanzaba a carreira dos Beatles, e responsable xa que logo, da revolución sonora que se montou), ía escoitalos e, se lles gustaba, contrataríaos. Viñan de ser rexeitados por Decca Records (o resto das discográficas británicas nin os recibiran), coa que fixeran a proba o 1 de xaneiro.

Cando un escoita as cancións que gravaron nesa sesión, entende o rexeitamento. A sesión (publicada en parte en 1995 dentro do proxecto Anthology) foi mala, non tocaron nada ben, non fixeron nada do outro mundo. Lóxico que os rexeitasen.

Na que fixeron hai agora seis decenios e aquí estamos lembrando, en Abbey Road, e que sería o incio de todo, fixérono igual de mal. Así o lembraron sempre o propio Martin e Norman Smith, un dos moitos enxeñeiros de son que farían carreira ao carón dos de Liverpool.

Cando se escoitan esas gravacións, un decátase de que os Beatles eran, cando menos ese día, un grupo vulgar. Non veríamos aí o xerme do que logo foron quen de facer por moito que nos esforzásemos.

Para aquela proba, Brian Epstein escolleu 33 cancións pero só lles deixaron gravar catro. Parte do mal que foi a sesión foi, precisamente, a escolla, pois comezaron cunha versión, cantada por Paul McCartney, do clásico de Consuelo Velázques (tal cal), Bésame mucho. A versión dos Beatles é horripilante, sobre todo porque a converten nunha especie de tema cómico ao rematar cada parte cun patético e explosivo «cha-cha-bum!» que dá grima.

Podo maxinar a cara de alucine de George Martin diante daquela estraña proposta musical. Logo, amañaron algo o asunto interpretando Love me do (finalmente sería a canción escollida para o primeiro single), P.S. I love you (será a cara B do single: unha empalagosísima balada para bailar agarrado nos guateques pero sen máis nada) e a máis creativa Ask me why. Esta, interpretada por Lennon, é a máis potente sen dúbida das catro.

Curiosamente, nas catro que usaron para a proba, non hai rock, non hai nada salvaxe, non hai nada diso que os convertera xa nunha lenda en Liverpool. Quixeron ir de boíños. Fixeron un churro que non deixaba nada claro o que eran de verdade os Beatles.

Rematada a sesión, Martin e Smith convídaos a subir á zona de control a escoitar o gravado. George Martin, todo un cabaleiro, comeza impartirlles unha especie de clase maxistral sobre todo o que deben cambiar se queren dedicarse en serio á música. Eles non din nada. El fala durante minutos e minutos. Eles están calados.

Mosqueado, espétalles: «Levo media hora falando e non dicides nada, hai algo que non vos guste ou que?». Daquela, o benxamín, a penas un adolescente George Harrison, espétalle moi serio e co punto macarra dos tíos duros de Liverpool: «Pois si, mira, hai algo que non nos gusta». «O que?», pregunta, preocupado, o produtor. «A túa gravata. É espantosa». Esmendréllanse todos e rompen o xeo para sempre.

George Martin explicou que decidiu contratalos aquel día porque se decatou de que musicalmente eran distintos a todo o que había en todo o Reino Unido. E que o seu encanto persoal, o seu senso do humor, a frescura das súas composicións, resultaban un diamante en bruto que, ben traballado, podía facer algo grande.

Todo comezou, en Abbey Road. Hai agora sesenta anos.