Darío Xohán Cabana, «figura irrepetible da cultura galega contemporánea»

Uxía López Rodríguez
uxía lópez PADRÓN / LA VOZ

CULTURA

Angueira entregoulle unha figueira da horta da Casa da Matanza á neta (Leonor) e á filla (Alexandra) de Darío.
Angueira entregoulle unha figueira da horta da Casa da Matanza á neta (Leonor) e á filla (Alexandra) de Darío. Sandra Alonso

A tribo do escritor lugués réndelle unha gran homenaxe na terra de Rosalía de Castro

19 jul 2022 . Actualizado a las 23:04 h.

Padrón acolleu este sábado, da man da Fundación Rosalía de Castro, a homenaxe nacional ao escritor e tradutor Darío Xohán Cabana, falecido en novembro pasado aos 69 anos. Baixo o título de Semente de mencer, que fai referencia a un dos seus poemas escrito en 1970, o acto xuntou a boa parte da tribo de Cabana, incluída a súa familia, xunto con representantes do Consello da Cultura Galega; da Real Academia Galega; da Asociación de Escritores en Lingua Galega; deputados autonómicos e provinciais; académicos, escritores, representantes de concellos e universidades; e xentes varias da cultura.

A concorrencia encheu o auditorio de Padrón para a homenaxe.
A concorrencia encheu o auditorio de Padrón para a homenaxe. Sandra Alonso

En primeira fila do auditorio padronés, Amelia, a viúva do escritor; Alexandra e Martiño, fillos; ou a súa neta Leonor, que recitou un poema do avó. En nome da familia falou o escritor Lois Pérez, fillo dun primo de Darío Xohán Cabana e que agradeceu o afecto e o tributo a un home que, dixo, «non sei se encolle a alma ou a fai máis grande, pero si nola toca». Tamén agradeceu a asistencia dos presentes, sobre os que afirmou: «Aquí está un bo exemplo da súa tribo, que hoxe lembra xunta a quen se foi».

O acto reuniu a numerosos artistas que compartiron vida co homenaxeado, e interpretaron a súa obra, coma O’ Leo de Matamá, o Mago Antón, Chus Pato, Antón Dobao, Xabier Cordal, Oriana Méndez, Xoán Cuba e Rosa López. Escusaron a súa ausencia Xosé Luís Méndez Ferrín e Pepe Cáccamo.

Foto de grupo na que posan a familia e os participantes no encontro.
Foto de grupo na que posan a familia e os participantes no encontro. Sandra Alonso

Destacado foi o concerto final do grupo Fuxan os Ventos, que ten musicado poemas de Cabana e que está a celebrar o seu 50.º aniversario. A de este sábado era a súa única actuación en directo que prevén facer. O condutor do acto foi o presidente da entidade rosaliana, Anxo Angueira, quen se referiu ao homenaxeado como «persoa inesquecible, patriota exemplar e unha das figuras máis extraordinarias e irrepetibles da cultura galega contemporánea».

Durante as súa intervención, Angueira destacou a obra de Cabana (Roás, Cospeito, 1952-2021) e falou, por exemplo, do seu labor como tradutor —entre outras obras, da Divina comedia de Dante—, do que asegurou que «é de tal magnitude que só as xeracións vindeiras poderán ponderalo». Do seu traballo e da súa vida falaron tamén tres escritores e amigos: Chus Pato, Antón Dobao e Xabier Cordal.

Entre as actuacións, a primeira foi a de O’ Leo de Matamá, quen, coa súa voz e guitarra, interpretou unha peza con letra de Cabana e quixo que o público deixase voar a imaxinación para facer que o padronés paseo do Espolón de Padrón fose a Terra Chá. Tanto o territorio lugués como Vigo estiveron moi presentes na homenaxe, na que o Mago Antón evocou ao Darío máis máxico e místico, e ata fixo un truco cos seu poemas que rematou sacando unha caricatura do mestre, de quen afirmou: «Non está hoxe con nós, pero podemos sentilo».

A familia lembraba con emoción tamén o seu traballo incansable e solitario como colaborador de La Voz de Galicia —«durante 34 anos e cinco días, sen faltar un só»— na preparación dos seus míticos encrucillados diarios en galego —«fixo máis de doce mil»— acollidos nas casas dos galegos «con moito seguimento e orgullo do noso idioma, nun labor silente pero intenso de normalización lingüística».

Actuación en directo de Fuxan os Ventos.
Actuación en directo de Fuxan os Ventos. Sandra Alonso

Concerto de Fuxan os Ventos, único no seu 50.º aniversario

A Fundación Rosalía de Castro organizou a homenaxe Semente de mencer para recoñecer os grandes méritos e valores dunha persoa que «sempre estivo á beira da casa» da autora de Follas novas. De feito, Anxo Angueira comezou o acto lendo a invocación que Darío Xohán Cabana escribiu en 1970 despois de visitar A Matanza. Tamén contou que o escritor e a súa dona, Amelia, foron dos primeiros en chamar á fundación cando esta puxo en marcha unha subscrición popular para financiarse, de xeito que dende aquela ten a condición de Amigo da Casa de Rosalía.

Entre as intervencións, Xoán Cuba falou de que a obra do homenaxeado «nunca defrauda» e de que «nunca lle agradeceremos abondo o legado que deixou». Neste sentido, aludiu ademais á tarefa que desenvolveu desde a cadeira que ocupou na Real Academia Galega.

Tamén estaba neste feliz encontro Rosa López, do consello de redacción da revista de pensamento crítico A trabe de ouro, da que Darío formou parte moitos anos. Ela enxalzou a vontade e dedicación do homenaxeado, de quen recordou que «non lle fixo falta a universidade para facer algo tan complexo como as traducións» de clásicos universais.

Para redondear o festexo dun dos grandes escritores da Galicia contemporánea, inmellorable tradutor da gran poesía italiana e occitana medieval e persoa comprometida co futuro da lingua galega e da propia Galicia, como o definiu a Fundación Rosalía, ao escenario subiron Oriana Méndez, neta de Méndez Ferrín, e Leonor Cabana, neta de Darío, para recitaren os seus poemas. Á neta, a Fundación Rosalía entregoulle unha figueira da horta da Casa da Matanza.

Puxo o ramo á xornada a actuación de Fuxan os Ventos, grupo ao que o presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira, cualificou de «institución musical» e que onte se xuntou de novo para conmemorar o seu 50.º aniversario, no que prevén que sexa o seu único recital. Xunto coas intervencións e actuacións en directo, tamén houbo proxeccións de imaxes de momentos vividos por Cabana ou da película A mariñeira, baseada nun relato do autor de Galván en Saor, Canta de cerca a morte e Morte de Rei.