No cartel conviven compañías de longa traxectoria, como Migallas Teatro, con outras emerxentes que presentan incluso o seu primeiro traballo, como é o caso de Barrosanta. Tamén hai diversidade en canto ás disciplinas, cunha importante representación da danza. Deste xeito, a partir do luns no Salón Teatro, no Teatro Principal, no Auditorio Abanca e en diferentes espazos exteriores de Santiago poderanse ver pases completos de montaxes de Títeres Alakrán, Cía. iO, Diego Anido, Náufragos Teatro, Elahood, Marcia Vázquez, Rebordelos, Inversa Teatro, VACAburra, Caramuxo Teatro, Colectivo Glovo, N+1 & Cuarteto Alicerce, Matrioshka Teatro, Barrosanta, Helena Salgueiro, Pistacatro, Aporía Escénica e Olivas Negras, e Ibuprofeno Teatro. O público xeral pode asistir a estes espectáculos previa retirada dos convites gratuítos no Centro Social Abanca, sede de Galicia Escena Pro. Tamén dentro da programación aberta ao público se inclúe un concerto de Los Jinetes del Trópico na sala Riquela.
O director da axencia autonómica Agadic, Jacobo Sutil, celebrou a recuperación da participación do público nesta novena edición, despois de que a pasada debido á pandemia se cinguira á exhibición aos profesionais. «Despois de anos moi difíciles, continuamos xuntos administracións, compañías, programadores e todo o conxunto do sector e imos recuperando pouco a pouco a normalidade», insistiu o representante da Xunta.