«Cigarreiras», de Cándido Pazó, gran triunfadora na noite maior do teatro galego

Nuria Guillermo
nuria guillermo A CORUÑA / LA VOZ

CULTURA

Os premios María Casares homenaxearon á actriz que lles dá nome no ano en que se cumpre o centenario do seu nacemento. Na imaxe, Cándido Pazó, ao recoller o galardón ao mellor espectáculo.
Os premios María Casares homenaxearon á actriz que lles dá nome no ano en que se cumpre o centenario do seu nacemento. Na imaxe, Cándido Pazó, ao recoller o galardón ao mellor espectáculo. Eduardo Pérez

Emoción e reivindicación na volta á normalidade dos premios María Casares

06 jun 2022 . Actualizado a las 08:46 h.

Cigarreiras, adaptación da novela La Tribuna de Emilia Pardo Bazán a cargo de Cándido Pazó, foi a gran triunfadora na noite maior do teatro galego. Así o decidiron este xoves os premios María Casares, na súa 26.ª edición, no seu regreso á normalidade despois de dous anos de pandemia. No 2020 a entrega de galardóns foi suspendida e no 2021, malia que si se celebrou, tan só puido seguirse a través da canle de YouTube da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), a entidade que organiza a velada. Festexada no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, a gala recoñeceu nove das catorce montaxes que contaban con algunha nominación e que conseguiron facerse, como mínimo, cunha estatuíña.

O espectáculo máis galardoado, cun total de tres distincións —e das máis importantes—, foi Cigarreiras, proxecto de Contraproducións e Teatre Romea, unha adaptación de Cándido Pazó —que tamén é o director— da mencionada narración de Pardo Bazán. A obra impúxose nas categorías de mellor dirección, espectáculo e escenografía, esta última responsabilidade de Dani Trillo. Con dous galardóns quedaron Othello, de Voadora (mellor vestiario e mellor iluminación); Comando Comadres, de Matrioshka Teatro (mellor actriz secundaria para Anabell Gago e mellor maquillaxe), e Terceiro acto, do Centro Dramático Galego (Belén Constenla e Eduardo R. Cunha, Tatán, como mellores actriz e actor protagonistas, respectivamente).

O resto de premiados foron Ailén Kendelman na categoría de mellor música orixinal pola produción A cazola de Lola, da compañía Tanxarina; A lúa vai encuberta, de Incendiaria e A Quinta do Cuadrante, como mellor adaptación (dun texto de Manuel María); e A parábola do angazo, de Talía Teatro, como mellor texto orixinal. Ademais, Morgana en Esmelle, de Sarabela Teatro, venceu na categoría de mellor actor secundario grazas ao traballo de Fernando Dacosta; e Hugo, de Os Náufragos Teatro, consolidouse como o mellor espectáculo infantil.

Homenaxe a María Casares

No centenario do nacemento de María Casares, a gala dos premios que levan o seu nome constituíuse como unha homenaxe á actriz galega. O fío condutor do encontro consistiu nun espectáculo protagonizado polas intérpretes Sheyla Fariña, Marián Bañobre, Marta Pérez, Mónica de Nut, Nerea Brey e Rosa Puga Davila e baseado en textos escritos por Casares, facendo un percorrido pola súa vida. O acto dividiuse en catro bloques, ligados ás catro patrias que a actriz describe na súa autobiografía: a infancia, o exilio, a guerra e o teatro.

Doutra banda, o premio de honra Marisa Soto deste ano recoñeceu a título póstumo a figura de Lino Braxe. A vicepresidenta da AAAG, Luma Gómez, encargouse de entregarlle a distinción á irmá do intérprete, María Braxe, entre unha longa ovación e co público en pé. Gómez pronunciou un emotivo discurso no que enxalzou ao polifacético artista e lembrou que, sen Braxe, estes premios «non serían e, de ser, serían outra cousa», xa que sen o seu empeño Casares «non tería cedido o seu nome».

Reivindicación e feminismo

Durante a gala, foron varios os discursos nos que se enfatizou a necesidade de seguir traballando pola igualdade de xénero no sector profesional. «Levamos 26 edicións e só gañamos catro mulleres [o galardón a mellor música orixinal]. Paréceme que isto non está equilibrado. Fago un chamamento para que, á hora de escoller os equipos, busquemos un equilibrio, porque a igualdade hai que levala á práctica, non só falar dela», advertiu Ailén Kendelman no momento de recoller ao recoller a súa estatuíña.

«Quero agradecer a todas as mulleres que estiveron loitando porque os nosos dereitos fosen iguais aos dos homes», incidiu, pola súa parte, Anabell Gago. Tampouco faltaron referencias á importancia de «levar o teatro aos barrios» e de continuar creando pezas culturais en galego.

Os participantes mostráronse aliviados polo regreso á normalidade no mundo do espectáculo despois do parón da pandemia.