Os artistas gravaron un tema conxunto na súa participación no programa La Residencia
03 jun 2022 . Actualizado a las 05:00 h.Hai un tema de Xoel López do seu disco Paramales (2015), titulado A serea e o mariñeiro, no que o músico se expande nunha festa rítmica. A peza que onte remataba na súa alianza con Baiuca parecía partir de aí no seu inicio, para logo emprender o voo nunha dirección sonora inesperada. Trátase de Paxaros do demo, o tema resultante de tres xornadas de traballo no proxecto La Residencia da Fundación Paideia Galiza e Radio 3. Estrearase hoxe no espazo Hoy empieza todo da cadea pública.
«Era algo que tiña que pasar nalgún momento», di Xoel. A admiración é mutua. Álex Guillán, o músico que se esconde tras Baiuca, lembra cando o viu en Ponteceso presentando Atlántico (2012): «Foi todo un descubrimento porque eu estaba nun mundo de percusións e viaxando fóra do universo anglosaxón. E velo naquel formato inspiroume moito». Pola súa banda, Xoel escoitou o primeiro álbum de Baiuca, Solpor (2018). Encontrou nunha das súas pezas un sampler dunha composición do seu tío avó, o violinista Florencio López. «Escoitei Muíño e pensei: "Que fai isto aquí?". Encantoume que se reivindicara dese modo», subliña.
Esa ligazón aparece no tema gravado. «Florencio serve de ponte entre nós e de inspiración, pero non o recreamos, como pensaba nun inicio», explica Guillán. En lugar diso, baseáronse nunha historia que Florencio contaba sobre a primeira vez que, de nenos, viron un avión na Fonsagrada. Pensaban que eran paxaros enviados polo demo para acabar con eles. De aí a letra. E toda a súa exuberancia rítmica e instrumental xunto a notas propias de Florencio López como «cantar un pouco nasal», precisa Xoel. Ou «facer unha melodía co violín ao mesmo tempo que a voz», engade Guillán. «O violín tócao Antía Ameixeiras, a quen lle encanta Florencio», di Xoel. A falta dalgúns retoques, onte tiñan a peza concluída. «A verdade é que estou un pouco eufórico porque creo que con este tema chegamos a cousas que eu quería explorar no futuro», confesaba Guillán.