Miguel Calvo: «Goya tiña moi mala ortografía e puido ser bisexual»

Olimpio Pelayo Arca Camba
o. p. arca SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Miguel Calvo (Ordes, 1979), biógrafo de Goya.
Miguel Calvo (Ordes, 1979), biógrafo de Goya. Paco Rodríguez

Licenciado en Historia da Arte pola Universidade de Santiago e en Belas Artes pola de Vigo, responsable da web historia-arte.com, profunda na biografía do xenio aragonés

02 jun 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Miguel Calvo Santos (Ordes, 1979) é licenciado en Historia da Arte pola Universidade de Santiago e en Belas Artes pola de Vigo, pero o seu traballo foi por outro lado: está á fronte da empresa familiar de instalacións de gas en Ordes. Así que canalizou a súa paixón de sempre pola arte a través dunha web con visitas de medio mundo, e vén de asinar unha biografía sobre Francisco de Goya, que se presenta este venres ás 20.30 horas no Museo do Traxe Juanjo Liñares, de Ordes.

—Cando empezou con historia-arte.com, que acada os 47.000 seguidores en Instagram?

—Eu tiña un blog de arte, no que facía pequenas recensións de cadros que me gustaban. Empecei no 2015, e uns meses despois un bo amigo meu, Óscar Otero, co que xa fixera outros proxectos de fanzíns e cómics e se dedica ao deseño web, propúxome levar el o tema máis técnico, centrándome eu no contido. A páxina foi crecendo ata converterse no que é hoxe.

—Cantos cadros teñen analizados?

—Xa temos un bo catálogo de obras reseñadas, son 1.814 de 602 artistas, e poderíase definir como unha enciclopedia de arte. Non quero dicir que sexa un referente, porque non é unha páxina académica, é sobre opinións e cadros. En canto a visitas, podemos ter unhas 30.000 diarias, de todas partes do mundo, esencialmente de países de fala hispana.

—Cal é o segredo desa difusión?

—Temos artigos dalgún tema no que nos estendemos máis, pero cada recensión lese en dous minutos. Por iso supoño que ten tanto éxito, porque no mundo actual todo vai moi rápido e a xente ten pouco tempo para ler. Xa bastante sorte é que nos lean, porque non temos vídeos nin podcasts. Se a historia a contas mal, pode ser un coñazo, pero se a explicas con outros ollos, é como unha novela: ben contada, pode enganchar á xente. A web ten un toque humorístico moi ácido ás veces, sempre tiramos por aí. Facemos tamén entrevistas, como a Antonio García Villarán, un coñecido divulgador de arte, e hai seccións de museos, técnicas e movementos artísticos, xunto con efemérides. Isto é sen ánimo de lucro, así que puxemos camisetas, calcetíns e cadernos co noso logotipo para quen queira colaborar.

—E de editor da web historia-arte.com a biógrafo de Goya. Como se dá ese paso?

—A min chamáronme da editorial valenciana Sargantana, supoño que pola web, para que escribira unha biografía dentro da súa colección de personaxes ilustres. Eu propuxen a Goya, porque na miña opinión fixo avanzar a arte máis ca ningún outro pintor. Todo o mundo sabe que é unha eminencia, pero eu quería investigar tamén sobre a súa vida. Estiven un ano nese traballo, e descubrín aspectos moi suculentos sobre a súa vida e a súa obra.

—Por exemplo?

—A súa pésima ortografía, non sabía escribir moi ben. Os seus amoríos, que, na miña opinión, pode ser que fora bisexual, unha cuestión controvertida pero que deixo caer no libro. E está a súa vida: el traballou para os reis de España, aínda que tiña moi mala relación con Fernando VII, pero ao tempo era un home de tabernas, moi popular e moi de clases baixas. Foi bailando dun lado ao outro, igual que foi investigando e creando novos estilos que eran mal vistos, pero que grazas a el foron aprezados. Foi unha persoa moi estraña no mundo da arte, sobre todo nunha época en que España era un deserto cultural (seguimos así un pouco), pola Inquisición e mil factores. E el foi unha figura clave en toda Europa, porque influenciou a artistas europeos da época e de moitos anos despois, mesmo de hoxe.

—Que destacaría da súa pintura?

—El era un mestre tecnicamente. Pero a súa creatividade e imaxinación non se viran ata el. Inventou o que ninguén creara, como as pinturas negras, os caprichos ou os disparates, precedentes do humor gráfico dun xornal de hoxe, ou do cómic underground dos anos sesenta, do impresionismo, do expresionismo, de todas as vangardas históricas... Foi o primeiro: se hoxe miras atrás, en todos os estilos chegas a el sempre.